A Deputación abre este luns o prazo para inscribirse nos percorridos do programa provincial +Bosques do mes de agosto
Esta iniciativa, que promove o contacto directo coa natureza, permitirá ás persoas participantes gozar das vantaxes dos baños de bosques con percorridos por Barro, Silleda, Poio, Pontevedra, Campo Lameiro e Valga
18/07/2026
A Deputación de Pontevedra abre o vindeiro luns 20 de xullo ás 9:00 horas o prazo para inscribirse nos percorridos de agosto do programa +Bosques, unha iniciativa que promove o contacto directo coa natureza e permitirá gozar das vantaxes dos baños de bosques. Nesta nova edición, as persoas participantes poderán gozar dos espazos naturais de Barosa (Barro), Carboeiro (Silleda), illa de Tambo (Poio), Pazo de Lourizán (Pontevedra), Maneses (Campo Lameiro), río Lérez (Pontevedra) e Fervenzas de Parafita e Raxoi (Valga).
+Bosques chegará a sete espazos da costa e o interior da provincia e permitirán coñecer a variedade de ecosistemas ricos en biodiversidade de Pontevedra. Todas as rutas pretenden proporcionar ás persoas participantes unha experiencia chea de estímulos para comprender o método de aplicación do baño de bosque e a conexión directa en e coa natureza. Deste xeito, promoverase a estimulación sensorial a través do olfacto, o tacto, a vista, o oído e o gusto, así como realizaranse exercicios físicos e psicolóxicos para comprender, entender e fortalecer os lazos co medio natural da provincia. Por estes motivos cada ruta está limitada a un máximo de 15 persoas.
Os percorridos do mes de agosto desenvolveranse pola contorna do Río Lérez (Pontevedra) os días 1 e 23 de agosto; pola Barosa (Barro) o 2 e 29 de agosto; polo Pazo de Lourizán (Pontevedra) o 8 e 30 de agosto; pola Illa de Tambo (Poio) o 9 de agosto; por Valga o 15 de agosto, pola contorna do mosteiro de Carboeiro (Silleda) o 16 de agosto; e pola contorna do río Maneses no Campo Lameiro o 22 de agosto. Pola súa banda, en setembro o programa chegará ás beiras do río Lérez, os días 5 e 26, a Carboeiro, o 6 e o 27, a Lourizán o 12, a Valga o 13, a Barosa o 19 e rematará o 20 de setembro nas beiras do río Maneses. Para estes últimos percorridos do ano a inscrición ábrese o 24 de agosto.
