Luisa Sánchez reafirma o seu compromiso co proxecto en Finca Matías malia a incomparecencia do Concello de Vigo na comisión de seguimento do convenio a prorrogar

A vicepresidenta da Deputación afirma que a institución provincial “vai seguir investindo na cidade” e pide “ter altura de miras e poñer as institucións por riba das persoas”

09/07/2026

Luisa Sánchez reafirma o seu compromiso co proxecto en Finca Matías malia a incomparecencia do Concello de Vigo na comisión de seguimento do convenio a prorrogar

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, reafirmou o seu compromiso co proxecto en Finca Matías malia a incomparecencia do Concello de Vigo na comisión de seguimento do convenio que cómpre prorrogar ante o retraso municipal á hora de acometer a obra.

Na reunión celebrada na sede provincial en Vigo, que contou con presenza de Luisa Sánchez, da deputada de Cooperación Local, María Ramallo, e dun técnico da área de Cooperación, a vicepresidenta recordou que esta prórroga é precisa porque o goberno local “non fixo nada en dous anos” en Finca Matías, unha circunstancia que obriga a acudir á prórroga do convenio para manter o financiamento provincial. De cara a acadar ese obxectivo, advertiu, o convenio esixe motivar a demora.

Neste sentido, Luisa Sánchez recordou que este convenio, asinado en decembro de 2024, foi redactado “nos mesmos termos que os convenios que se asinaban co anterior goberno provincial”.

Así, a representante provincial en Vigo lamentou a falta de asistencia dos representantes municipais e insistiu en que, a pesar diso, “esta Deputación de Pontevedra é seria e vai seguir investindo na cidade”.

Amais, Luisa Sánchez remarcou que a Deputación continuará actuando con responsabilidade institucional e “cinguíndose á legalidade establecida” para garantir a viabilidade do proxecto e conservar os fondos comprometidos. Trátase, concretamente dunha achega de 2,58 millóns de euros, que representa o 79% do orzamento total da actuación. A administración municipal asume o 21 % restante (668.000 euros).

Finalmente, subliñou que “é necesario ter altura de miras e poñer as institucións por riba das persoas” para así sacar adiante proxectos que son de interese para a cidade. Porén, a vicepresidenta considerou que a situación responde a unha cuestión de carácter político. Neste sentido, asegurou que “o único problema é o sectarismo de Abel Caballero, quen pon trabas para avanzar en beneficio de Vigo porque o goberno da Deputación de Pontevedra está en mans do Partido Popular”. Así mesmo, acusou ao rexedor local de bloquear este investimento para “inventarse” que a Deputación está “en contra dos intereses de Vigo”.

Galerias de imagenes