Luisa Sánchez propón a Caballero que a Deputación e o Concello cofinancien outros catro investimentos en Vigo con cargo aos convenios bilaterais de 2026

A vicepresidenta ofrece a colaboración provincial para reformar o pavillón de Cabral, as instalacións do Club de Remo Virxe da Guía e o auditorio do Centro Social e Cultural de Beade, así como por construír o solicitado campo de béisbol en As Plantas

14/05/2026

Luisa Sánchez propón a Caballero que a Deputación e o Concello cofinancien outros catro investimentos en Vigo con cargo aos convenios bilaterais de 2026

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, vén de propoñer ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, que a institución provincial e o Concello olívico cofinancien outros catro investimentos na cidade con cargo aos convenios bilaterais do exercicio 2026, e seguintes se fose o caso.

A través dunha carta enviada este xoves, Luisa Sánchez recordou ao rexedor que os proxectos presentados polo goberno local non alcanzan o importe de 5 millóns de euros reservados no orzamento provincial que entrou en vigor o pasado 1 de xaneiro. Así, ofreceu a súa colaboración para incorporar as reformas “integrais e urxentes” do pavillón de Cabral, das instalacións do Club de Remo Virxe da Guía e do auditorio do Centro Social e Cultural de Beade. Do mesmo xeito, apostou por incorporar a construción do solicitado campo de béisbol na zona de As Plantas.

“Estas propostas non son máis que unha mostra das necesidades que a cidade precisa atender e coas que a Deputación quere seguir demostrando a súa implicación con Vigo. Un compromiso que se materializa nos 47 millóns de euros que temos comprometidos desde que teño a honra de ser vicepresidenta provincial”, indicou Luisa Sánchez.

Estas actuacións uniríanse á xa anunciada remodelación da rúa Rosalía de Castro, que a Deputación de Pontevedra financiará nun 70% ao achegar 1,7 dos 2,4 millóns de euros necesarios.

Doutor Carracido

Na súa misiva, Luisa Sánchez pediu tamén a Abel Caballero que aclare as súas “confusas declaracións” en torno á reforma da rúa Doutor Carracido. Segundo a vicepresidenta, as palabras vertidas polo alcalde a semana pasada dan a entender que o Concello de Vigo segue adiante pola súa conta con esta obra, que inicialmente ían sufragar ambas administracións. En todo caso, solicitou unha confirmación expresa por parte do rexedor local para poder asignar de xeito correcto e rigoroso as diferentes partidas orzamentarias.

A este respecto, aproveitou para desmentir que a Deputación retrasase ningunha obra en Vigo. Recordou, de feito, que as humanizacións previstas nas rúas Rosalía de Castro e Doutor Carracido son municipais e se desenvolven en solo municipal, polo que a súa tramitación non depende da institución provincial. Así mesmo, incidiu en que o financiamento para os convenios está garantido grazas á reserva debidamente incluída no orzamento anual de 2026.

“A tramitación municipal desas obras podería empezar hoxe, onte, o ano pasado ou cando o alcalde as anunciou por primeira vez hai xa tempo. Non precisa da nosa aprobación para nada”, apuntou. Ao fío, puxo como exemplo a reconstrución da piscina municipal de Teis, onde as obras estaban iniciadas cando se asinou o correspondente convenio.

documentos

Galerias de imagenes

audios