A Deputación engadirá unha segunda pantalla para ofrecer unha mellor experiencia a todas as persoas que asistan á Alameda de Pontevedra para seguir a final do Mundial
Ante a elevada afluencia de público e o rexeitamento do Concello a colocar a pantalla noutro emprazamento máis axeitado, o goberno provincial quere ofrecer a mellor atención aos espectadores e reducir ao máximo os eventuais problemas de visión
18/07/2026
A Deputación de Pontevedra anuncia a instalación dunha segunda pantalla na contorna da Alameda de Pontevedra para seguir a final do Mundial entre España e Arxentina. Ante a elevada afluencia de público que se agarda e o rexeitamento do Concello a colocar a pantalla noutro emprazamento máis axeitado, o goberno provincial busca ofrecer a mellor atención posible aos espectadores e reducir ao máximo os problemas de visión que poidan provocar nalgúns puntos do recinto a presenza de árbores.
Coa instalación deste segundo dispositivo, dunhas dimensións menores que o principal, a Deputación garante un amplo campo de visión para que os espectadores, de todas as idades, poidan seguir o desenvolvemento do encontro coa maior comodidade posible sen importar o punto da Alameda no que se atopen.
Lembran desde o goberno provincial que a elección da Alameda como lugar para a instalación desta pantalla xigante vén motivada pola negativa do goberno local a autorizar a instalación nas prazas de España ou a Ferraría, que foron os emprazamentos solicitados pola Deputación, mentres que o goberno local so permitiría a súa colocación ben na Alameda, ben na rúa Raíña Vitoria.