A Deputación pecha a segunda edición do ciclo Mulleres de Palabra(s) celebrando o Día das Escritoras no Museo de Pontevedra coa xornada “Le con nosoutras”

O acto, no que participaron a directora do Museo, Ángeles Tilve, e a coordinadora de Igualdade, Sandra Bastos, consistiu nunha lectura en silencio e unha conversa coa autora María Sánchez

17/10/2026

A Deputación pecha a segunda edición do ciclo Mulleres de Palabra(s) celebrando o Día das Escritoras no Museo de Pontevedra coa xornada “Le con nosoutras”

A Deputación acaba de pechar a segunda edición do ciclo Mulleres de Palabra(s) adiantando a celebración do Día das Escritoras, que terá lugar este luns 19 de outubro, no Museo de Pontevedra coa xornada “Le con nosoutras”. O acto, no que participaron a directora do Museo, Ángeles Tilve, e a coordinadora de Igualdade, Sandra Bastos, consistiu nunha lectura en silencio, unha conversa coa autora María Sánchez e un sorteo de libros escritos por mulleres.

A directora do Museo, Ángeles Tilve, foi a encargada de dar a benvida ao acto e de dar explicacións sobre o claustro do Edificio Sarmiento onde tivo lugar a xornada de peche da segunda edición do ciclo Mulleres de Palabra(s). Pola súa banda, a coordinadora de estratexia de Igualdade e Benestar Social, Sandra Bastos, recordou o arranque desta edición do programa, celebrando o Día da Poesía coas tres últimas premios nacionais galegos; a posta en marcha da biblioteca itinerante, que está a percorrer os centros educativos da provincia como novidade desta segunda edición; e a importancia de citas como esta, arredor da palabra escrita por mulleres, para avanzar no eido da igualdade.

Tralas intervencións de Tilve e Bastos comezou a lectura en silencio, durante unha hora, no Claustro do Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra coa participación de 60 mulleres. Nese mesmo espazo tivo lugar tamén a conversa coa escritora María Sánchez, autora de libros como “Cuaderno de campo”, “Tierra de mujeres”, “Almáciga” ou “Fuego la sed”. O acto pechouse cun sorteo de libros escritos por mulleres.

Mulleres de Palabra(s) é unha programación do Ateneo Provincial pola Igualdade da Deputación de Pontevedra que chegou neste 2026 á súa segunda edición e na que as protagonistas foron as escritoras e as palabras a través das que contan o mundo con perspectiva de xénero. Así, ao longo do ano, o programa reivindicou a palabra das escritoras do pasado e de escritoras actuais da nosa provincia a través de conversas, lecturas, recitais e obradoiros que culminaron este sábado no Museo de Pontevedra.