A Deputación leva este martes o espectáculo Ghop! ata Bueu dentro do ciclo +Escénicas

O espectáculo, da compañía Teatro ó Cubo, está dirixido a un público familiar e representarase na Praza Massó ás 20:30 horas

09/08/2026

A Deputación leva este martes o espectáculo Ghop! ata Bueu dentro do ciclo +Escénicas

A Deputación de Pontevedra leva martes 11 de agosto ata Bueu a nova edición do circuíto +Escénicas, unha iniciativa da institución provincial que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia. Nesta ocasión, trátase do espectáculo Ghop!, da compañía Teatro ó Cubo, pensado para un público familiar e que se representará na Praza Massó ás 20:30 horas.

Ghop! é un espectáculo de rúa áxil, participativo e cheo de humor. Un berro cheo de enerxía… GHOP! un berro cheo de ímpeto para un espectáculo coa estética clásica dos circos ambulantes que no pasado percorrían as prazas dos pobos e aldeas. Os tres protagonistas vestidos e caracterizados para a ocasión, aderezan con malabares, monicreques, acrobacias e pinceladas de maxia, o show de variedades que esta compañía itinerante ofrece a un público que desexa divertirse e participar.

Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional levaba facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira e da segunda edición, a institución provincial volve programar un novo ciclo desta iniciativa, que medrou o seu orzamento nun 36% desde a súa posta en marcha, contando nesta anualidade con 204.000 euros. Cada concello puido solicitar ata cinco actuacións de teatro e danza entre as dispoñibles no catálogo de +Escénicas, que inclúe máis de 600 propostas, en réxime de cofinanciamento: a Deputación asume o 90% nos concellos de menos de 5.000 habitantes, o 80% nos concellos de entre 5.000 e 10.000, e o 70% nos de entre 10.000 e 20.000 habitantes. As funcións terán lugar ata o 31 de marzo de 2027.