A Deputación celebra o grande éxito do paso da food truck do Sabor das Rías Baixas por Vilagarcía de Arousa co reparto de preto de 1.600 petiscos

As food trucks chegarán esta semana a Ribadumia, o mércores 1 de abril na Praza do Concello e o xoves 2 e o venres 3 no campo de fútbol da Senra

30/03/2026

A Deputación de Pontevedra celebra o grande éxito da food truck do programa O Sabor das Rías Baixas ao seu paso por Vilagarcía de Arousa, onde se repartiron preto de 1.600 degustacións durante as tres xornadas que estivo presente no paseo marítimo da localidade (entre o venres 27 e o domingo 29 de marzo). O Sabor das Rías Baixas é un programa impulsado pola institución provincial que está a percorrer todo o territorio pontevedrés para promocionar e poñer en valor as festas gastronómicas de interese turístico que se celebran na provincia.

Cómpre lembrar que a instalación da food truck na zona portuaria de Vilagarcía de Arousa tivo lugar trala negativa do goberno local a permitir emprazarse no espazo público municipal, unha solicitude que foi reiterada por parte da Deputación e que nesa segunda ocasión non obtivo resposta. Pola contra, a resposta da veciñanza de Vilagarcía si foi rotunda e moi positiva, co reparto de 500 degustacións na xornada do venres, preto de 600 durante o sábado e outras 500 degustacións na xornada do domingo.

A veciñanza de Vilagarcía degustou da man da Deputación petiscos inspirados nalgúns dos pratos típicos das festas gastronómicas de interese turístico da provincia: a Festa do Lacón con Grelos (Cuntis), a Festa do Caldo de Mourente (Pontevedra), a Festa Encontro-Degustación do Millo Corvo (Bueu), Festa da Ostra de Arcade (Soutomaior), a Festa do Requeixo e o Mel (A Neves), a Festa do Choco (Redondela), a Festa do Salmón (A Estrada), a Festa da Troita (Ponte Caldelas), a Festa do Galo de Curral (Vila de Cruces), a Festa da Lagosta (A Guarda), a Festa da Vieira e Festa do Albariño (Cambados), a Feira do Viño do Rosal, a Festa do Carneiro ao Espeto (Moraña), a Romaría da Tortilla de Laro e a Festa da Empanada da Bandeira (Silleda), a Festa do Mexillón e o Berberecho (Vilanova de Arousa), a Festa-Feira do Xamón (A Cañiza), a Festa da Lamprea e a Festa da Lamprea Seca (Arbo), a Festa da Ameixa do Carril (Vilagarcía de Arousa), a Festa da Anguía e Mostra da Caña do País (Valga), a Festa do Viño do Condado do Tea (Salvaterra de Miño), a Festa do Marisco (O Grove) e a Feira do Cocido (Lalín).

O Sabor das Rías Baixas chega esta semana a Ribadumia

As food trucks do Sabor das Rías Baixas tamén chegarán esta semana ao Salnés, concretamente ao concello de Ribadumia. Este mércores 1 de abril a veciñanza poderase achegar á Praza do Concello para degustar os petiscos de 12:30 a 18:30 horas, mentres que o xoves 2 e o venres 3 trasladarase ata o campo de fútbol da Senra, onde estará dispoñible en horario partido: de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas.

O Sabor das Rías Baixas conta cunha frota de tres vehículos que realizan tres rutas para percorrer o norte, o centro e o sur da provincia informando sobre a oferta das festas gastronómicas, promocionando e poñendo en valor a gastronomía pontevedresa, e promovendo unha xestión sostible dos recursos desde o punto de vista económico, ambiental e social. Ademais das degustacións inspiradas nos pratos típicos destes eventos, nas food trucks repártese material promocional onde se recollen as datas de celebración, os produtos gastronómicos de referencia cunha breve descrición, e mais o lugar exacto onde se celebra cada festa.

O Sabor das Rías Baixas é un paso adiante da Deputación para diversificar a oferta turística da provincia, co obxectivo de atraer turismo interno durante a temporada baixa, e para a descentralización das actividades levadas a cabo por Turismo Rías Baixas en todos os concellos. Este programa serve como ferramenta estratéxica para achegar ao público experiencias culinarias vinculadas á identidade cultural da provincia, para crear novas oportunidades de visita e consumo e tamén para favorecer a actividade económica local.