A Deputación destina preto de 3,3 millóns de euros aos concellos da contorna de Vigo e do sur da provincia no marco do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas

Os concellos da contorna de Vigo e das comarcas do sur da provincia solicitaron poñer en marcha 34 actuacións para mellorar infraestruturas deportivas municipais con estes recursos provinciais

10/01/2026

A Deputación pechou esta semana o prazo de presentación de solicitudes para optar aos 8 millóns de euros do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas. Un plan que permitirá aos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia impulsar este ano preto de 90 actuacións que abranguen desde novas instalacións deportivas municipais ata a mellora e modernización das existentes ou a subministración de mobiliario e material para a práctica do deporte. No caso da contorna de Vigo e do sur da provincia, o organismo destina preto de 3,3 millóns de euros a Redondela, Ponteareas, O Porriño, Nigrán, Tui, Mos, Gondomar, Tomiño, Baiona, Salvaterra de Miño, A Guarda, Salceda de Caselas, Soutomaior, O Rosal, A Cañiza, Mondariz, As Neves, Oia, Pazos de Borbén, Arbo, Covelo, Crecente, Fornelos de Montes e Mondariz-Balneario, que solicitaron poñer en marcha 34 actuacións de mellora de infraestruturas deportivas.

Redondela con máis de 257.000 € do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas é, tras Vilagarcía de Arousa, un dos concellos que máis recursos recibe deste plan provincial. Con esta contía, o goberno local vai financiar a modernización, remodelación e mellora das instalacións deportivas do pavillón municipal de Reboreda, que conta cun orzamento de preto de 389.000 €. No caso de Ponteareas, a vila benefíciase de preto de 221.000 € para impulsar dúas actuacións: o proxecto técnico de acondicionamento e mellora de pistas deportivas e a instalación de céspede no campo de fútbol, valorada en 410.000 €.

Pola súa banda, O Porriño recibe máis de 205.000 € para financiar a remodelación das instalacións deportivas do velódromo municipal, que conta cun orzamento de preto de 600.000 €, e Nigrán, con preto de 190.000 €, financiará a renovación do céspede artificial e a mellora das instalacións do campo de fútbol municipal Condomínguez, valorada en preto de 335.000 €.  A Tui chegarán preto de 185.000 € para a substitución do céspede artificial no campo de fútbol municipal de Riba de Louro; a Mos máis de 170.000 € para financiar a reforma do campo de fútbol de San Antonio, cun orzamento de máis de 370.000 €; a Gondomar preto de 170.000 € para financiar a reforma e ampliación do polideportivo municipal, que ascende a 198.000 €; a Tomiño preto de 162.000 € para financiar as pistas de pádel e tenis na zona deportiva de Mosteiro, valoradas en preto de 214.000 €; e a Baiona preto de 153.000 € para a substitución do céspede artificial no campo de fútbol do Aral, que conta cun orzamento de preto de 243.000 €.

Ademais, Salvaterra de Miño recibirá preto de 141.000 € para financiar a renovación das instalacións do pavillón Cándido Carrera, que ascende a preto de 315.000 €; A Guarda máis de 138.000 € para a mellora das instalacións deportivas do campo de fútbol da Sangriña, que teñen un orzamento de preto de 148.000 €; Salceda de Caselas máis de 134.000 € para a subministración de loxística itinerante para eventos deportivos, para un pump track, para subministrar material deportivo e para renovar o alumeado no campo de fútbol de Penedo Redondo; e Soutomaior preto de 123.000 € para financiar a reforma e a instalación de tres pistas de pádel en A Montesiña, valoradas en máis de 264.000 €.

No caso do Rosal, beneficiarase de preto de 116.000 € para financiar a reparación da pista de atletismo e substituír o material da cuberta da Mata, que contan cun orzamento de máis de 187.000 €; A Cañiza de preto de 107.000 € para a reforma do pavimento deportivo, pintura e outras melloras no pavillón municipal Touzosas; Mondariz de preto de 103.000 € para a reforma do pump track e para actuacións de remodelación e mellora das infraestruturas deportivas; As Neves de máis de 98.000 € para o equipamento deportivo no ximnasio municipal da Caíña; Oia de máis de 94.000 € para a ampliación e mellora do espazo deportivo do Cabezo e a construción de xogo de bolos; Pazos de Borbén de preto de 94.000 € para o peche da pista de pádel e a mellora da súa contorna; Arbo de 91.500 € para a pista de pádel cuberta en Chan; e Covelo de máis de 90.000 € para o mantemento e conservación do campo de fútbol municipal.

Pola súa banda, a Deputación destinará máis de 87.000 € a Crecente para a mellora da piscina, do pavillón e do ximnasio municipal, así como para subministrar material deportivo e adecuar a pista polideportiva de Filgueira; máis de 85.000 € a Fornelos de Montes para a reforma de vestiarios e a mellora do equipamento do complexo deportivo da vila e preto de 80.000 € a Mondariz-Balneario para a instalación dun punto de reparación e limpeza de bicicletas, para subministrar material deportivo e mobiliario e para a instalación do control de acceso e alarma en edificación deportiva.