A Deputación ilumina o Pazo provincial de azul e rosa para dar visibilidade á dor polas perdas xestacionais, neonatais e perinatais

A institución provincial súmase á iniciativa da asociación Bolboretas no Ceo con motivo do Día mundial da Conciencia sobre a Perda Xestacional, Neonatal e Perinatal, que ten lugar o 15 de outubro

14/10/2026

A Deputación ilumina o Pazo provincial de azul e rosa para dar visibilidade á dor polas perdas xestacionais, neonatais e perinatais

A Deputación de Pontevedra tinguirá de azul e rosa o Pazo provincial desde as 20:30 horas deste xoves 15 de outubro ata ás 7:30 horas da mañá do venres 16 con motivo do Día Mundial da Conciencia sobre a Perda Xestacional, Neonatal e Perinatal, sumándose así á iniciativa promovida pola asociación Bolboretas no Ceo.

A iniciativa ten por obxectivo que entidades de toda a provincia apoien as súas reivindicacións coa iluminación de edificios ou monumentos significativos de cada vila, dando deste xeito visibilidade ás familias afectadas pola perda dun fillo ou filla durante a xestación, o parto ou nos primeiros días de vida, e así facelas sentir que a súa dor e a memoria dos seus bebés son recoñecidas pola súa comunidade, xa que esta dó está moitas veces invisibilizada. A morte xestacional refírese á perda do bebé no útero materno despois da semana 20 de xestación, a perinatal desde as 28 semanas ata os 7 días de vida e a neonatal desde o nacemento ata 28 días despois.

Desde os colectivos, e tamén a propia Organización Mundial da Saúde, sinalan que non existen protocolos hospitalarios unificados para a atención sanitaria destas mortes e que falta formación no persoal sobre como informar desta noticia aos pais. Tampouco existen rexistros oficiais destes falecementos, polo que se fala de que entre 80.000 e 90.000 mulleres perden os seus bebés nestas situacións, pero na realidade as cifras poderían ser maiores. En España, desde agosto do ano 2024 estes bebés deben ser inscritos no Rexistro Civil, co que as familias acadan unha constancia oficial dos seus nomes.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 7 resultados.