Luis López enxalza a forza da gastronomía como motor para o crecemento económico, para o turismo e para a vertebración do territorio

O presidente provincial exerce de anfitrión na celebración da asemblea xeral da Academia Galega de Gastronomía, celebrada no salón de plenos do pazo provincial

11/09/2025

Luis López enxalza a forza da gastronomía como motor para o crecemento económicoz

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, enxalza a forza da gastronomía como motor para o crecemento económico, especialmente para o sector da restauración, o turismo ou o comercio, así como para a pesca, a agricultura e a gandería; para construír un destino turístico sustentable, desestacionalizado e descentralizado que ten na oferta gastronómica unha das súas grandes fortalezas; e para a vertebración do territorio, pois a cultura gastronómica da provincia e a súa oferta é diversa, atractiva e de calidade en todas as comarcas. Fíxoo durante a celebración da asemblea xera da Academia Galega de Gastronomía, celebrada este xoves no salón de plenos do Pazo provincial.

“A gastronomía é un dos activos máis potentes que temos nas Rías Baixas. É un poderoso atractivo turístico, tanto polo nome dos nosos restaurantes e chefs como por todas as experiencias que rodean o sector, como por exemplo o enoturismo. Potencia a economía, porque arredor da gastronomía non só florece o sector da restauración, senón todo o sector primario, desde o mar ao campo, referentes na produción do produto da máxima calidade. E vertebra o territorio, porque a descentralización é unha das nosas máximas, e grazas á nosa gastronomía conseguimos que a xente vaia a Lalín a tomar un cocido, a Arbo ou Valga a degustar a lamprea ou a Arousa a por mexillóns”, afirmou o presidente provincial, que exerceu de anfitrión neste acto da Academia Galega de Gastronomía, á que lle amosou o agradecemento por escoller o Pazo provincial para celebrar esta asemblea.

O acto da Academia Galega de Gastronomía serviu para entregar as medallas aos novos académicos, que son: Rosario Andrade, empresaria do Pazo de Pegullal; Xavier Castro, catedrático de historia da USC; Carlos Guardado, sanitario e patrón da Fundación Grande Covián e divulgador en Asturias da gastronomía de Galicia; e Carlos López, geconomista e directivo bancario internacional divulgador en Lisboa e no Alentexo da gastronomía galega; e Joao Guterres, empresario, autor de “Peixes do Miño” e cabaleiro do viño de Oporto.

Despois de entregar as medallas aos novos académicos, o mandatario provincial encargouse de pechar o acto no que puxo en valor os puntos que a Deputación e a Academia Galega de Gastronomía, xunto coa Xunta de Galicia que tamén estivo representada na asemblea, teñen en común. “As dúas difundimos a cultura galega, da que forma parte a nosa gastronomía; as dúas apoiamos todas esas iniciativas innovadoras e recoñecemos o talento dos profesionais que contribúen a construír un territorio máis moderno, máis atractivo e máis forte; e as dúas temos como un dos grandes obxectivos mellorar a calidade de vida da veciñanza, para o que é vital unha alimentación saudable, variada e de calidade”, subliñou López, para concluír cun aspecto compartido por todos os que coñecen as Rías Baixas: “Todos estamos profundamente orgullosos da nosa gastronomía”, rematou o presidente provincial.

Galerias de imagenes

audios

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.