Luis López asina co alcalde de Cerdedo Cotobade, Jorge Cubela, o convenio para a nova área recreativa da Chan cunha achega da Deputación de 709.000€

O presidente provincial recibe o rexedor e deputado provincial para selar un acordo no que a Deputación combina os recursos do Plan Extra e +Provincia para financiar o 85 % dunha obra que dotará á veciñanza de Carballedo dun espazo natural e de convivencia

10/10/2026

Luis López asina co alcalde de Cerdedo Cotobade, Jorge Cubela, o convenio para a nova área recreativa da Chan cunha achega da Deputación de 709.000€

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, asina co alcalde de Cerdedo Cotobade e deputado provincial, Jorge Cubela, o convenio para a creación dunha nova área recreativa na contorna natural da Chan e do río Almofrei. Un proxecto enmarcado na segunda convocatoria do Plan Provincia Extraordinaria – Plan Extra, un programa que reparte 35 millóns de euros entre 57 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia que resultaron beneficiarios nesta segunda entrega do Plan Extra. No Pazo provincial, López e Cubela selaron un acordo a través do cal o organismo provincial achega 670.000 euros a través do Plan Extra e 39.000 euros a través do +Provincia para financiar o 85% dunha obra valorada en máis de 836.000 euros, dos que o Concello achega o 15 % restante, un 128.500 euros. Unha inxección de fondos provinciais que contribúe á transformación dos espazos públicos respectando ao máximo as contornas naturais dos concellos da provincia.

O proxecto, enmarcado no núcleo rural da Chan, parroquia de Carballedo; pretende crear un espazo público de interese para os habitantes da zona, resolver problemas de accesibilidade e dotalo do mobiliario, iluminación, evacuación de augas pluviais e as distintas redes de instalacións necesarias. A obra céntrase en dúas partes diferenciadas entre elas polas súas respectivas cotas no terreo. Por unha banda e a unha cota superior, lindando coa estrada principal, desenvólvese unha actuación moi comedida creando unicamente pequenos carreiros de lastras de granito para conectar os diferentes espazos existentes. A maiores créase un lugar central de reunión para a veciñanza por medio do cal descender á segunda zona, onde haberá unha praza que servirá de unión entre a cota de rúa e a cota do río Almofrei, resultando un lugar de interese onde desenvolver unha gran cantidade de actividades. Na cota inferior desenvolverase o resto da intervención, creando diversos ambientes e espazos como merendeiros ou parques para todas as idades e nunha contorna que contará cunha gran variedade de árbores.

A sinatura deste acordo supón un novo paso adiante na colaboración da Deputación co Concello de Cerdedo Cotobade, onde tamén están en marcha diferentes proxectos dirixidos á mellora de instalacións deportivas, novos servizos, mellora de infraestruturas viarias, ou posta en valor do espazo público.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.