Luis López asina co alcalde de Covelo, Pablo Castillo, un investimento de 500.000 € para a ampliación do cemiterio de Barcia de Mera
O presidente provincial recibe o rexedor no Pazo Provincial para selar un acordo que mellorará de forma integral a zona, coa creación de novos espazos e servizos
06/08/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, asinou co alcalde de Covelo, Pablo Castillo, o convenio para a ampliación e mellora integral do entorno do cemiterio de Barcia de Mera, enmarcado na segunda convocatoria do Plan Provincia Extraordinaria – Plan Extra, un programa que reparte 35 millóns de euros entre 57 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia que resultaron beneficiarios nesta segunda entrega do Plan Extra. No Pazo provincial, López e Castillo selaron un acordo a través do cal o organismo provincial financiará 500.000 € do orzamento total de 601.000 €, e a achega municipal, algo máis de 100.000 €, financiarase con cargo ao Plan +Provincia 2026. Desta maneira, a institución financia o totalidade da obra nunha nova mostra do compromiso da Deputación para colaborar cos concellos da provincia na mellora dos espazos públicos, dos servizos á veciñanza e no fomento da actividade física.
O proxecto céntrase na ampliación e mellora integral do cemiterio municipal para adaptalo ás necesidades actuais mediante a creación de novos espazos e servizos. En primeiro lugar, acondicionaranse os terreos mediante rozas, movementos de terras e a construción dun muro de contención de cachotería para definir as novas plataformas. Esta ampliación incluirá a instalación de 90 novos nichos e 140 columbarios repartidos en dous módulos de 30 e 110, ademais da construción de dous aseos accesibles nun edificio auxiliar. Para conectar a zona antiga coa nova, abriranse accesos directos e rexuntaranse os muros existentes.
O proxecto tamén contempla unha renovación completa dos pavimentos e accesos, combinando áreas de formigón coloreado e pavimentos brandos para o tránsito peonil, aglomerado asfáltico para o viario perimetral, zonas axardinadas con céspede e espazos de canto rodado para a drenaxe. A isto súmanse novas redes subterráneas para a recollida de augas pluviais, fecais —cun sistema propio de depuración— e lixiviados, garantindo a salubridade da zona. Finalmente, dotarase o recinto dunha nova iluminación LED eficiente, tanto indirecta en elementos coma ramplas e bancos coma directa en zonas clave, e completarase coa plantación de novas árbores, a ocultación dos contedores de lixo e a colocación de mobiliario urbano como bancos de granito, varandas, xardineiras, un cruceiro e a rotulación correspondente.
A colaboración da Deputación co Concello de Covelo non se limita unicamente ao Plan Extra. O Concello recibiu de mans do organismo provincial nestes tres anos de mandato un total 3,47 M€ a través dos distintos plans de cooperación aprobados, o que demostra o compromiso da Deputación cos concellos da provincia para mellorar a calidade de vida da veciñanza.
