Luis López asina o acordo para que a Deputación financie máis do 80% das novas oficinas e espazos formativos da Mancomunidade do Salnés

A institución provincial financia máis do 82% do investimento desta fase para reformar as oficinas e os espazos formativos dunha infraestrutura estratéxica para os nove concellos da comarca

06/08/2026

Luis López asina o acordo para que a Deputación financie máis do 80% das novas oficinas e espazos formativos da Mancomunidade do Salnés

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, asinou este xoves co presidente da Mancomunidade do Salnés, o tamén alcalde de Ribadumia David Castro, o convenio de colaboración para financiar as obras de reforma das oficinas e dos espazos formativos do Centro Loxístico Multiservizos, unha infraestrutura estratéxica para a prestación de servizos públicos compartidos na comarca. A institución provincial achega 250.000 euros, máis do 82% do investimento desta fase do proxecto, que ascende a 303.000 euros.

Durante o acto de sinatura, o presidente provincial agradeceu o labor desenvolvido pola Mancomunidade do Salnés e puxo en valor o espírito de colaboración entre institucións. “Hoxe dáse un paso moi importante do que se van beneficiar os nove concellos da comarca. Nesta historia de colaboración escríbese unha nova páxina, unha importante páxina, grazas a este convenio que asinamos coa Mancomunidade”, asegurou. Luis López destacou que esta actuación “é moito máis ca unha reforma”. “Supón mellorar os servizos públicos para os nove concellos da Mancomunidade, darlle un novo impulso á formación e comezar a incorporar a innovación nun proxecto estratéxico para o territorio”, explicou.

O presidente lembrou, ademais, que “é o primeiro convenio que firman a Deputación e a Mancomunidade do Salnés nos últimos dez anos”, unha colaboración que exemplifica a aposta do goberno provincial por apoiar iniciativas con impacto comarcal. Neste sentido, felicitou ao presidente da Mancomunidade, David Castro, “por impulsar un proxecto maduro e estratéxico que traerá importantes beneficios para toda a comarca”.

A actuación permitirá habilitar espazos formativos con aulas homologadas e salas polivalentes para os programas de emprego que desenvolve a Mancomunidade, unha cociña e unha cafetería destinadas á formación práctica do alumnado e áreas técnicas para o control do ciclo da auga, a xestión ambiental e o parque loxístico de maquinaria, consolidando este complexo como unha infraestrutura estratéxica ao servizo dos nove concellos da comarca.

O presidente provincial concluíu reafirmando o compromiso da Deputación cos proxectos compartidos entre administracións. “A máxima colaboración da Deputación está cos proxectos estratéxicos que benefician tanto aos concellos individualmente como ao conxunto dun territorio. Iso é falar de colaboración, é falar de eficacia e de dar os mellores servizos ao conxunto da poboación, que é o noso traballo”, concluíu.

Galerias de imagenes

audios