Luis López destaca a mellora de espazos para potenciar a calidade de vida e proxección turística coma a executada no Miradoiro da Peixeira, en Portonovo

O mandatario provincial, acompañado polo deputado Marcos Guisasola, comproba o remate das obras de construción deste novo miradoiro da costa sanxenxina valorado en preto dun millón de euros, dos que a Deputación achegou 800.000€ a través do PON2030

12/04/2025

Luis López visita o miradoiro de Peixeira

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, comprobou este sábado en Portonovo o remate das obras de construción do novo miradoiro da Peixeira, no Concello de Sanxenxo. O mandatario provincial percorreu reformado espazo público que é froito da colaboración entre o goberno provincial e local e supuxo o investimento de case un millón de euros, dos que a Deputación achegou o 80 %, uns 8000.000€, ao abeiro do programa PON2030. "Melloramos a imaxe, a accesibilidade e os servizos dun lugar moi frecuentado pola veciñanza e os visitantes que non estaba a ofrecer todo o seu potencial", salientou o dirixente, quen visitou este novo espazo acompañado polo alcalde Telmo Martín e o deputado de Medio Ambiente, Marcos Guisasola.

A obra consistiu na humanización da praza deste miradoiro do barrio de San Roque no que se adoptou un sistema de mobilidade de prioridade peonil, no que a mobilidade dos vehículos queda agora relegada a un segundo plano. Do mesmo xeito, o asfalto deixou paso á instalación de zonas verdes, espazos de convivencia e cuns servizos e mobiliario urbano renovados nunha contorna moito máis accesible para todas as persoas. Tamén se actuou na fachada marítima, adaptando o desnivel para desfrutar dunha mellor panorámica sobre a ría de Pontevedra e favorecendo a conexión entre a zona urbana e as rocas. "As Rías Baixas son un lugar extraordinario, non hai máis que levantar a vista ver onde nos atopamos", afirmou López para referirse a beleza natural e paisaxística, así como a calidade dos servizos do Concello de Sanxenxo.

Neste sentido, o mandatario provincial recoñeceu a importancia que ten Sanxenxo como "motor" do crecemento turístico da provincia. "É un Concello que recolle toda esa beleza natural e paisaxística que define ás Rías Baixas, un municipio que enriquece a súa oferta con experiencias de calidade ligadas á gastronomía, ao viño ou ao relax; e un destino que, por suposto, aposta pola desestacionalización", enumerou o presidente unhas características tamén aplicables ao conxunto da provincia e á estratexia de "turismo sustentable e descentralizado" que promove a Deputación. O dirixente vinculou aos boas previsións de visitantes para esta campaña de Semana Santa co traballo que está a realizar Turismo Rías Baixas e concellos como os de Sanxenxo neste camiño. Razóns que, unidas ao "municipalismo" e á execución de proxectos transformadores compartidas entre os gobernos local e provincial, motivan o recoñecemento de Luis López ao labor do rexedor Telmo Martín a fronte do Concello de Sanxenxo.

A colaboración entre a Deputación e o Concello non se limita unicamente á transformación do miradoiro da Peixeira nin á estratexia común por un turismo sustentable, para este ano 2025 o organismo provincial ten previstos investimentos en Sanxenxo por valor de 2,3 millóns de euros a través de proxectos vinculados ao plans de Cooperación como o +Provincia, o Plan Extra ou o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas.

Galerias de imagenes