Luis López anuncia a posta en marcha da contratación das obras na EP-2405 Cerquido-Budiño, no Porriño, ás que se lle dedicará máis dun millón de euros

A Deputación asume o 80% do orzamento, cunha achega de 830.000 euros, mentres que o Concello aporta o 20% restante, 200.000 euros

16/10/2026

Luis López anuncia a posta en marcha da contratación das obras na EP-2405 Cerquido-Budiño, no Porriño, ás que se lle dedicará máis dun millón de euros

Dous meses despois da aprobación do proxecto, o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, deu conta este venres da posta en marcha do proceso de contratación das obras para a mellora da seguridade peonil na EP-2405 Cerquido-Budiño, no Concello do Porriño. A Xunta de Goberno deu luz verde ao expediente de contratación das obras, que contan cun orzamento superior ao millón de euros e serán financiadas pola Deputación ao 80% (830.000 euros) e polo Porriño ao 20% restante (200.000 euros).

A actuación desenvolverase nun tramo de 1,2 km, no que se procederá a estruturar o espazo público da vía para garantir a súa seguridade peonil mediante a creación dunha senda e unha zona de convivencia, ademais de dotala de cunetas tendidas nalgúns tramos na marxe oposta á senda. No marco das obras tamén se procederá a renovar a rede de pluviais e mais o pavimento, a instalar pasos de peóns sobreelevados, a soterrar a rede de alumeado público e colocar tanto novas luminarias e unha renovada sinalización vertical e horizontal. O prazo de execución proxectado para as obras é de oito meses.

“A mellora das estradas provinciais segue a ser unha das áreas prioritarias para o noso goberno”, asegurou o presidente provincial, que tamén deu conta de novidades relativas á EP-7004, na Estrada. Entre as dúas actuacións, o importe aprobado esta semana na Xunta de Goberno para as infraestruturas provinciais ascende a preto de 1,5 millóns de euros.

audios