A Deputación inviste máis de 200.000 € na mellora térmica do Centro de Servizos e Apoio Empresarial de Barro

O proxecto permitirá garantir unha maior comodidade dos usuarios e impulsar a eficiencia enerxética do edificio, que na actualidade carece de ningún tipo de climatización

08/08/2026

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar o proxecto para a mellora térmica e da climatización do Centro de Servizos e Apoio Empresarial situado no Polígono de Barro, ao que lle dedicará preto de 220.000 euros. O edificio non dispón actualmente de ningún tipo de climatización, o que obrigou o goberno provincial a tomar esta decisión para garantir unha maior comodidade dos seus usuarios (tendo en conta ademais o seu número se incrementou desde a creación da Oficina de Transformación Comunitaria emprazada neste espazo). O proxecto tamén busca impulsar a eficiencia enerxética do centro, debido a que esa carencia se está a solucionar a través de radiadores conectados á rede eléctrica.

O proxecto para a mellora da climatización do Centro de Servizos e Apoio Empresarial aposta por dous sistemas diferenciados segundo as zonas, adaptadas aos diferentes hábitos de uso de cada unha. Nas oficinas e zonas comúns (con horarios de uso de ata 12 horas durante os días laborais) realizarase a través de máquinas de expansión directa de caudal de refrixerante variable tipo VRV. As unidades exteriores localizaranse na terraza do edificio, con tubaxes frigoríficas que discorrerán polo teito de cada planta ata as unidades interiores situadas en cada local. A renovación do aire das oficinas realizarase mediante recuperadores de calor.

Para o auditorio, a climatización e ventilación realizaranse a través dunha unidade autónoma de climatización dotada de bomba de calor tipo RoofTop, que tamén se instalará na terraza do edificio. A distribución do aire ata o auditorio realizarase mediante condutos de chapa galvanizada convenientemente illados, con tobeiras de grande alcance no tramo de impulsión e rexas para a extracción do aire no tramo de retorno.

Ademais, o proxecto inclúe a execución dunha instalación eléctrica dedicada, para o cal se terá que instalar un novo subcadro eléctrico específico para climatización que alimentará os equipos que integrarán o sistema. Tamén se substituirán as grandes ventás da fachada sur do auditorio por outras con mellores características de transmitancia e factor solar.