A Deputación avanza no primeiro Plan Estratéxico de Transformación Dixital da provincia coa celebración dunha mesa de traballo coas distintas áreas provinciais

O encontro, no que participou o deputado Ricardo Martínez, é un novo paso para a folla de ruta tecnolóxica do período 2027-2030, co obxectivo de avanzar no deseño de servizos centrados na cidadanía que reforcen a súa satisfacción coa administración local

13/10/2026

A Deputación avanza no primeiro Plan Estratéxico de Transformación Dixital da provincia coa celebración dunha mesa de traballo coas distintas áreas provinciais

O deputado provincial Ricardo Martínez participou este martes na primeira mesa de traballo do Plan Estratéxico de Transformación Dixital que está a elaborar a Deputación de Pontevedra, dotado de preto de 180.000 € para definir a folla de ruta tecnolóxica da provincia ata 2030. O documento recollerá as necesidades dos principais axentes da provincia e responderá aos retos que enfronta a administración local en canto ás tecnoloxías da información e da comunicación. Neste primeiro encontro de cara á elaboración da folla de ruta no marco temporal 2027-2030 participaron representantes das distintas áreas e servizos da Deputación.

O deputado provincial sinalou que a intención deste plan é que sexa “un proceso útil e que parta da realidade, das necesidades que existen e das distintas perspectivas das persoas que traballan cada día nos e cos servizos da Deputación”. Neste sentido, Martínez relatou algúns dos pasos que xa se deron para a redacción do plan, cunha fase de recompilación de información “a través de entrevistas, cuestionarios e análise documental, co obxectivo de ter unha primeira fotografía das necesidades e dos retos que presenta a transformación dixital”. O obxectivo desta primeira mesa de traballo, asegurou, é “saber se as conclusións ás que se chegou reflexan o día a día nas diferentes áreas da Deputación, se hai necesidades que non quedaron suficientemente recollidas e, sobre todo, cales deben ser as prioridades para os próximos anos”.

Ricardo Martínez asegurou que “falar de transformación dixital non é falar unicamente de tecnoloxía, senón de como organizamos os procesos, compartimos información e aproveitamos os datos, de seguridade, de capacitación, de como conseguimos que as diferentes ferramentas e sistemas estean cada vez máis conectados e sexan máis útiles”. O deputado provincial sinalou que esta será a primeira dunha serie de mesas “nas que tamén queremos incorporar a visión da cidadanía, do tecido empresarial e dos concellos, porque unha estratexia desta natureza só terá sentido se é capaz de responder as diferentes realidades da provincia”.

O Plan Estratéxico de Transformación Dixital da provincia de Pontevedra permitirá avanzar no deseño de servizos centrados na cidadanía, co obxectivo de reforzar a súa satisfacción coa administración local, pero tamén no posto de traballo dixital, na eficiencia na xestión dos trámites administrativos ou na automatización dos procesos e na implantación de solucións áxiles. O proceso de elaboración do plan contempla a análise da situación actual para determinar as necesidades de dixitalización na administración local da provincia, a análise de tendencias e de boas prácticas que desenvolven outros territorios en materia de transformación dixital, e a elaboración da estratexia con actuacións concretas para poñer en marcha na provincia.

Galerias de imagenes