A Deputación recupera o Memorial Filgueira Valverde cunha edición que revisa o seu legado no 120 aniversario do seu nacemento
Celebrarase no Museo de Pontevedra os días 22 e 23 de outubro, con especial atención ao seu papel como impulsor de institucións culturais e como investigador
14/10/2026
A Deputación organiza o xoves e venres da semana que vén, 22 e 23 de outubro, no Museo de Pontevedra a 16ª edición do Memorial Filgueira Valverde. Recupérase así esta actividade de debate e reflexión, que celebrara a súa última edición en 2017. Agora volve con dúas xornadas dedicadas ao intelectual, escritor e político pontevedrés no 120º aniversario do seu nacemento.
Co lema “Un crisol na actividade cultural galega. 120 aniversario”, o memorial achégase á figura de José Filgueira Valverde desde diferentes puntos de vista: a súa vinculación ao Museo de Pontevedra, que dirixiu durante 46 anos, a relación con outros museos e institucións culturais en Galicia e a súa actividade como investigador.
O xoves 22 de outubro, a partir das 16:30 h no Edificio Castelao arrancará esta edición cunha mesa redonda para abordar a extensa e intensa relación de Filgueira co Museo de Pontevedra, un proxecto que impulsou, que dirixiu durante máis de catro décadas e ao que se pode dicir que lle deu a súa forma e carácter. Para falar dese papel participarán algunhas das persoas que traballaron con el: José Carlos Valle Pérez, que foi director adxunto e secretario con el e en 1986 o sucedeu na dirección; José Fuentes Alende, que foi secretario técnico do Museo; a actual directora, Ángeles Tilve Jar; e a responsable do Arquivo documental, María Jesús Fortes.
A segunda mesa redonda tratará o vínculo de Filgueira Valverde con outros museos e institucións, como o Museo de Lugo, a Fundación-Casa Rosalía de Castro e a Fundación Otero Pedrayo, coa participación de representantes destas institucións: Aurelia Balseiro, Anxo Angueira, Patricia Arias e Afonso Vázquez-Monxardín. Pecharase a primeira xornada cun coloquio.
O venres 23 abrirase de novo ás 16:30 cunha mesa redonda coa vicepresidenta do Museo do Pobo Galego, María Xosé Fernández Cerviño; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Dolores Vilavedra; e o presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo. A segunda mesa redonda do día centrarase nas súas investigacións no eido da música, coa participación de Germán Manuel Torres de Aboal, Rafael López Torre, Fernando Otero Urtaza e Francisco Javier Garbayo Montabes.
A continuación presentarase o libro ‘Laudatio Funebris. Da morte, o pranto e o alén no Reino da Galiza’, de Andrés Díaz Pazos e Eva Moreda. Editado por aCentral Folque, céntrase no prantos galego-portugueses e o que nos amosan sobre a relación coa morte na Idade Media na nosa terra. Por último, un recital musical porá o punto final a esta edición do Memorial Filgueira Valverde.
