Luis López anuncia que a Deputación destina 160.000 euros a mellorar o Centro Vacacional da Lanzada

As obras teñen por obxectivo a construción dunha nova grada de formigón xunto á pista deportiva deste espazo de lecer, que vén de acoller este verán máis de 1.500 nenos e nenas de toda a provincia nos Campamentos A Lanzada

04/09/2026

Luis López anuncia que a Deputación destina 160.000 euros a mellorar o Centro Vacacional da Lanzada

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou hoxe en conferencia de prensa a aprobación de 160.000 euros para contratar as obras de renaturalización das gradas do Centro Vacacional da Lanzada. Un espazo que vén de acoller ao longo dos últimos tres meses a máis de 1.500 nenos e nenas de toda a provincia para gozar dos campamentos. O obxectivo, como explicou o presidente provincial, é que “os máis pequenos da casa poderán seguir gozando dun espazo único e de actividades lúdicas e deportivas pensadas especialmente para eles”.

En concreto, as gradas de formigón que están xunto á pista deportiva atópanse na actualidade bastante degradadas polo paso do tempo e a exposición continuada a axentes atmosféricos como a humidade, o ambiente salino propio da zona costeira, variacións térmicas e radiación solar, que afectaron tanto ao formigón como aos elementos metálicos internos.

Por esa razón, esta actuación consiste na retirada da estrutura existente e a construción unha nova para ofrecer maior seguridade. A intervención permitirá restituír a funcionalidade do equipamento, eliminar riscos derivados da súa degradación, e adecualo a criterios de sustentabilidade, durabilidade e educación ambiental coherentes cos obxectivos do Centro Vacacional. “Somos un goberno amigo das familias e, como mostra, damos un paso máis para mellorar un centro tan querido polos cativos da provincia”, asegurou Luis López.

A nova mascota dos campamentos

O deputado de Xuventude, Jorge Cubela, asistiu este venres aos actos de clausura dos Campamentos A Lanzada onde tivo lugar a elección da mascota oficial. O Cormorán Fran, elaborado pola cativada da décima quenda, foi o elixido nesta ocasión, e pasará a ser a imaxe oficial da edición de 2027 do programa. Desde finais de xuño ata mañá (6 de setembro), cando finalice a estancia da undécima quenda, pasaron polo campamento un total de 1.540 rapaces e rapazas de 56 concellos da provincia, que asistiron a un completo programa de actividades de carácter educativo, cultural, deportivo e formativo co obxectivo de contribuír ao seu enriquecemento persoal.

Para a elección da nova mascota, a rapazada de cada quenda elaborou cadansúa proposta. A primeira quenda propuxo a Rocodrilo, a segunda a Pinky Dinky, a terceira a Burro Burro, a cuarta ao Esquío Laranxiño, a quinta a The Peacock, a sexta a Negrín, a sétima Furriño, a oitava ao Minion Mutante, a novena a Chorifuet, a décima ao Cormorán Fran e a undécima a Perrornitorrinco. O deputado destacou o traballo detrás de cada unha das propostas, “moi diferentes, orixinais e , sobre todo, con moita imaxinación”.

Galerias de imagenes