A Deputación esgota en menos dun día todas as prazas para participar nas actividades do programa +Bosques do mes de setembro

Esta iniciativa, que promove o contacto directo coa natureza, permitirá ás persoas participantes gozar das vantaxes dos baños de bosques en espazos naturais dos concellos de Pontevedra, Silleda, Valga, Barro e O Campo Lameiro

25/08/2026

A Deputación de Pontevedra esgotou en menos dun día todas as prazas dispoñibles para participar nos percorridos de setembro, os últimos deste ano, do programa +Bosques. Nesta nova edición do programa, unha iniciativa que promove o contacto directo coa natureza e permitirá gozar das vantaxes dos baños de bosques, as persoas participantes poderán gozar de oito rutas por un total de seis espazos naturais da provincia, con grupos reducidos de unicamente 15 persoas.

Os últimos percorridos de +Bosques en 2026 desenvolveranse pola contorna do río Lérez (Pontevedra) os días 5 e 26 de setembro, pola contorna do mosteiro de Carboeiro (Silleda) o 6 e o 27 de setembro, polo Pazo de Lourizán (Pontevedra) o 12 de setembro, polas fervenzas de Parafita e Raxoi (Valga) o 13 de setembro, polo parque natural do río Barosa (Barro) o 19 de setembro e, finalmente, polo río Maneses (O Campo Lameiro) o 20 de setembro. Cada día organizaranse dúas quendas, unha ás 10:00 e outra ás 10:30 horas, polo que participarán durante setembro un total de 240 persoas.

Todas as visitas están adaptadas ao patrimonio natural e cultural de cada contorna e configúranse como experiencias terapéuticas e enriquecedoras. Nas actividades converxen tres aspectos: a educación ambiental como camiño para fomentar a conciencia relativa aos problemas ambientais, a promoción, conservación e protección do patrimonio natural e cultural, e mais a promoción da saúde. O obxectivo é que as persoas desconecten da rutina e se familiaricen con hábitos saudables que desencadean beneficios para o organismo.

+Bosques chegou este ano a sete espazos da costa e o interior da provincia para coñecer a variedade de ecosistemas ricos en biodiversidade de Pontevedra, concretamente os espazos naturais do río Barosa (Barro), Carboeiro (Silleda), a illa de Tambo (Poio), o Pazo de Lourizán (Pontevedra), o río Maneses (Campo Lameiro), o río Lérez (Pontevedra) e as fervenzas de Parafita e Raxoi (Valga).

Todas as rutas pretenden proporcionar ás persoas participantes unha experiencia chea de estímulos para comprender o método de aplicación do baño de bosque e a conexión directa en e coa natureza. Deste xeito, promoverase a estimulación sensorial a través do olfacto, o tacto, a vista, o oído e o gusto con exercicios físicos e psicolóxicos para comprender, entender e fortalecer os lazos co medio natural da provincia.