A Deputación aposta pola perspectiva inclusiva e o diálogo entre historia e creación actual na programación do 2026 do Museo de Pontevedra
Rafa Domínguez: “a programación de 2026 consolida un modelo de museo que dialoga coa súa tradición sen renunciar á contemporaneidade”
26/02/2026
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, e a directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve, presentaron hoxe a programación do Museo para o ano 2026. A exhibición este verán do óleo ‘A derradeira leición do mestre’ de Castelao, chegado desde Bos Aires, marcará un ano no que o Museo volve apostar nas súas exposicións por xerar diálogos entre a historia e o contemporáneo, co ciclo Infiltracións e as exposicións ‘Bifrontes’ e a dedicada a San Sebastián, e difundir a arte galega do último medio século, con mostras monográficas sobre José Freixanes e a parella formada por Mercedes Ruibal e Agustín Pérez Bellas.
O vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, sinalou que “a programación de 2026 consolida un modelo de museo que dialoga coa súa tradición sen renunciar á contemporaneidade, que reivindica a nosa identidade cultural e que sitúa Pontevedra no mapa artístico, ao tempo que destacou que este será “un ano clave para reforzar o papel do Museo como motor cultural e dinamizador da cidade”. Domínguez explicou que “o Museo de Pontevedra é hoxe unha institución viva, aberta e comprometida co seu tempo. Apostamos por unir a nosa historia coa creación actual, por reforzar a arte galega e por facer da cultura un espazo de encontro para toda a sociedade”.
En 2026 abrirán sete exposicións nos edificios Castelao e Sarmiento, ás que hai que sumar ‘Debuxar coa luz. A fotografía en Pontevedra no século XIX’, que arrancou a finais de 2025 e se pode visitar ata o 5 de abril. É a mesma data ata a que estará aberta ‘San Sebastián, corpo de beleza e dor. Unha paixón privada’, a primeira mostra en abrir as súas portas este ano. A directora do Museo, Ángeles Tilve, destacou que “a programación de exposicións de 2026 segue principalmente dúas liñas xa consolidadas na nosa proposta: o diálogo entre a historia da arte e o contemporáneo e a reivindicación de figuras clave da arte galega do último medio século”.
Nesta segunda liña encádrase ‘Arte en parella. Mercedes Ruibal – Agustín Pérez Bellas’, que se inaugurará o 30 de abril. Trátase dun percorrido antolóxico por máis de cen obras desde matrimonio que mantivo liñas creativas dispares coas que lograron unha posición central na pintura galega do último terzo do século XX. E tamén ‘José Freixanes, eternos son os soños. Obra pictórica 2006-2025’, que abrirá en xullo para mostrar a obra pictórica que o pontevedrés, recentemente falecido, desenvolveu nas súas últimas dúas décadas de vida. En ambos casos, as exposicións estarán acompañadas de xornadas de conferencias e debate para analizar as figuras destes artistas fondamente ligados a Pontevedra.
A fórmula de acompañar as exposicións de xornadas de conferencias repetirase cun dos eventos centrais deste ano no Museo: a exhibición de ‘A derradeira leición do mestre’, o óleo que Castelao pintou en Bos Aires como homenaxe a Alexandre Bóveda tras o seu asasinato polos sublevados na guerra civil, a partir dun debuxo do álbum ‘Galicia mártir’. Este cadro poderase ver este verán xunto co debuxo orixinal e o manuscrito de ‘Sempre en Galiza’, para explicar a súa significación para a memoria democrática, e acompañarase de conferencias e mesas redondas que se celebrarán en setembro.
Outras propostas expositivas afondarán nos vínculos da creación contemporánea e a historia da arte. O ciclo ‘Infiltracións’ volverá poñer en diálogo artistas actuais cos fondos artísticos e documentais do Museo. Este ano será a quenda da asturiana residente en Nova York Ira Lombardía e do galego Berio Molina. E a exposición ‘Bifrontes’ renovará a colaboración anual coa Facultade de Belas Artes, empregando as esculturas bifrontes de principios da nosa era que se conservan no Museo.
A aposta pola creación contemporánea complétase coa celebración da nova Bienal de Artes Vivas, que se desenvolverá do 2 ao 12 de xullo no convento de Santa Clara, e coa segunda edición do programa de residencias Novos Valores, en colaboración con Matadero Madrid e a Fundación Walter & Nicole Leblanc de Bruxelas.
A programación deste ano está condicionada polo feito de que no último trimestre se procederá á reparación do chan das salas temporais do edificio Castelao, o que obrigará a pechalas a partir de outubro.
Renovación da exposición permanente
O percorrido cronolóxico pola historia da arte galega que ofrece o Museo de Pontevedra completarase en 2026 coa instalación no Claustro do Edificio Sarmiento das obras de épocas románica e prerrománica. Recuperaranse para a visita pública pezas prerrománicas tan relevantes como as laudas de estola e outros sepulcros altomedievais, os capiteis de mármore e granito de San Salvador de Setecoros e o disco ornamental de Sabanle. Tamén se colocarán pezas emblemáticas da arte románica galega, como o tímpano de Palmou, capiteis como os de Santa María de Bermés, entre outros, e a escultura de San Pedro procedente de Santiago de Gres.
Tamén este ano comezarase o proceso de actualización das salas de Arqueoloxía. Revisaranse as datas de moitas pezas expostas, mellorarase a súa explicación mediante a redistribución dos materiais expostos nas salas e a incorporaranse novas pezas ata agora en almacéns, como o “askós” pintado do Castro de Alobre, a lucerna de Caldas Reis, o anel con entalle da Lanzada e a tubería de chumbo de Porta de Arcos.
Conectar con públicos diversos
Un dos aspectos nos que o Museo de Pontevedra porá máis énfase este ano é en chegar a todos os públicos, superando as barreiras que poidan ter persoas con diversidade funcional. En 2026 porase en marcha o programa de inclusión cultural “Empower Parents”, dirixido a familias con autismo, e o programa “Museo Singular, Mirada Plural”, que achegará as obras do Museo a persoas con diversidade funcional dunha maneira participativa. Continuarán en funcionamento os proxectos “Acompañarte” e “Esculpindo espazos comúns”, ambos dirixidos a persoas con problemas de saúde mental. E facilitarase o acceso ás coleccións do Museo a todos os públicos cunha nova visita virtual con linguaxe de lectura fácil e cunha maior oferta de visitas guiadas con intérprete de linguaxe de signos.
O Museo apostará ademais por seguir sendo un faro de debate arredor da arte galega e temas transversais como a realidade dos museos hoxe, a conservación e restauración e as visións feministas sobre arte e museos. Ademais dos seminarios vinculados ás exposicións, destacan as xornadas dedicadas ás téselas de hospitalidade romanas ou ao Día das Artes Galegas, que homenaxea este ano ao fotógrafo José Suárez. Tamén a recuperación do Memorial Filgueira Valverde, que celebrará a súa 16ª edición despois de nove anos de ausencia.
Por último, impulsarase a actividade editorial do Museo coa publicación de novos números da revista ‘El Museo de Pontevedra’ e de monografías sobre o Tesouro de Caldas e sobre fotografía en Galicia, ademais dos catálogos de exposicións. Destaca tamén a coedición xunto a Editorial Galaxia dun facsímil da obra teatral de Castelao ‘Os vellos non deben de namorarse’.
