Domínguez avanza que os xardíns de Santa Clara abrirán á cidadanía no 2027

O vicepresidente provincial detallou o proxecto de restauración paisaxística e acondicionamento funcional do espazo, dotado cun orzamento de licitación de 821.555,32 euros e un prazo de execución de catro meses

15/10/2026

Domínguez avanza que os xardíns de Santa Clara abrirán á cidadanía no 2027

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, avanzou que os xardíns históricos de Santa Clara abrirán á cidadanía en 2027, tras un proxecto de recuperación paisaxística e acondicionamento funcional dotado cun orzamento de licitación de 821.555,32 euros. A actuación permitirá poñer á disposición dos pontevedreses arredor de 4.500 metros cadrados no centro da cidade, nun espazo de gran valor histórico que permaneceu pechado ao público durante séculos.

“Desde o primeiro momento tivemos claro que Santa Clara debía avanzar como proxecto museístico, pero tamén como un gran espazo verde, vivo e cargado de historia para o desfrute de todos os pontevedreses”, sinalou Domínguez, que puxo o foco na recuperación integral do recinto e na necesidade de compatibilizar o futuro conxunto museístico coa conservación dos seus xardíns e do bosque histórico.

Desde a chegada do actual equipo de goberno provincial, a Deputación reformulou o proxecto inicial para evitar destinar unha parte importante do futuro museo ao almacenamento de restos arqueolóxicos non visitables. Como alternativa para atender as necesidades de almacenamento do Museo de Pontevedra, impulsou un centro loxístico robotizado nunha parcela do polígono de Barro, cuxo proxecto xa está en marcha. Ademais, reduciuse un 20 % a edificabilidade prevista para reforzar o protagonismo dos espazos verdes.

A intervención contempla a recuperación da estrutura vexetal, a posta en valor das árbores froiteiras e dos emparrados históricos da antiga horta conventual, así como a mellora dos percorridos peonís e da accesibilidade. O proxecto prevé a plantación de 39 árbores, 19 arbustos grandes, 692 arbustos estruturais, 6.635 metros cadrados de arbustos e herbáceas, 3.802 metros cadrados de gramíneas e 19 unidades de acuáticas. O vicepresidente provincial salientou as cerdeiras en flor e as maceiras en flor, ademais de novas plantacións adaptadas ao clima atlántico para mellorar o atractivo paisaxístico e favorecer a biodiversidade.

Licenzas, paso previo á contratación das obras

A Deputación remitiu o proxecto á Dirección Xeral de Patrimonio o pasado 10 de agosto e achegou a documentación requirida o 17 de setembro. O 5 de outubro presentou a versión definitiva, tras varias reunións de coordinación técnica e os axustes correspondentes. Agora, a institución provincial agarda recibir a autorización de Patrimonio de forma inminente para solicitar ao Concello de Pontevedra a licenza municipal e continuar coa tramitación da contratación.

“Levamos meses traballando para que os xardíns poidan abrir canto antes á cidadanía. A Deputación cumpriu cos pasos que lle corresponden, desenvolveu o proxecto e atendeu os requirimentos técnicos. Con Santa Clara debemos ir todos da man porque é un proxecto de cidade. E non me cabe dúbida de que Lores cumprirá a súa palabra e non retrasará a apertura dos xardíns, para que sexa unha realidade nos próximos meses”, indicou Domínguez.

As obras, cun prazo de execución previsto de catro meses, incluirán a mellora dos sistemas de drenaxe e rega, a instalación de mobiliario integrado na contorna patrimonial e a renovación dos percorridos interiores. Non se instalará iluminación permanente, xa que os xardíns permanecerán pechados pola noite, co obxectivo de reducir o consumo enerxético e preservar as condicións ambientais do espazo.

A previsión é que, unha vez completados os trámites administrativos e rematadas as obras, os xardíns abran ao público en horario de 10:00 a 19:00 horas, con ampliación durante o verán. Domínguez reivindicou a importancia de devolver este espazo á cidade e incorporalo á vida diaria dos pontevedreses. “Queremos que estes xardíns deixen de ser un lugar inaccesible e se convertan nun espazo de encontro, descanso, reflexión e desfrute para todos. Santa Clara é un lugar extraordinario e queremos que todos os pontevedreses poidan desfrutalo”, concluíu.

Galerias de imagenes

audios