A Deputación de Pontevedra dá o seu apoio á Reconquista de Vigo como festa de interese turístico internacional
A xunta de goberno provincial aprobará este venres un acordo institucional coincidindo co inicio da fin de semana grande da festa “máis viguesa”
26/03/2026
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, anunciou que a xunta de goberno provincial aprobará este venres unha declaración oficial de apoio á Reconquista de Vigo para a súa designación como festa de interese turístico internacional.
Este acordo permitirá á celebración “máis viguesa” sumar un novo respaldo institucional cara un obxectivo “compartido por toda a cidade”. Tal e como remarcou Luisa Sánchez, este paso darase no primeiro día da fin de semana grande da Reconquista e na véspera da propia efeméride.
A vicepresidenta subliñou que a Deputación de Pontevedra quere contribuír a acadar “o recoñecemento que a Reconquista merece”, incidindo en que esta festa acumula anos de consolidación. Neste sentido, salientou que, tras sete anos considerada de interese turístico nacional, “é o momento de darlle unha nova dimensión a esta celebración única, con identidade propia e sen comparación”.
A institución provincial entende que este recoñecemento suporía un “importante salto cualitativo” para a Reconquista e para a cidade de Vigo, ao incrementar a súa proxección exterior, a súa capacidade de atracción turística e o seu impacto económico, consolidando un evento que a cidadanía sente como un dos seus maiores sinais de identidade.
Luisa Sánchez puxo en valor o labor desenvolvido pola Asociación Veciñal e Cultural Casco Vello, organizadora do evento, na recuperación e potenciación da Reconquista de Vigo. Segundo indicou, a entidade está a traballar para cumprir con todos os requisitos necesarios e culminar o proceso coa remisión da candidatura ao Ministerio de Turismo.
A maiores, a Deputación de Pontevedra considera que a Reconquista constitúe un dos eventos históricos máis relevantes de Galicia, ao conmemorar a expulsión do exército napoleónico en 1809, cando Vigo se converteu na primeira cidade europea en derrotar ás tropas francesas. Na actualidade, a celebración reúne cada ano un número crecente de visitantes, cunha ampla programación que inclúe recreacións históricas, mercado tradicional, actividades culturais e unha forte implicación veciñal.
Sede de Vigo
Co gallo desta efeméride, a Deputación de Pontevedra engalanou a sede situada no casco vello vigués, epicentro da festa. A institución provincial quixo sumarse así ao ambiente festivo que encherá o corazón da cidade. O edificio xa loce unha grande lona e un estandarte inspirados na iconografía de 1809, en homenaxe ao episodio histórico que deu orixe á celebración. Do mesmo xeito, colocouse unha bandeira viguesa no alto do inmoble.
Durante as noites, a fachada iluminarase coas cores branca e vermella, reforzando visualmente o apoio institucional á festa máis emblemática de Vigo. Isto non impedirá que a sede viguesa da Deputación de Pontevedra se sume á Hora do Planeta, apagando os focos entre as 20.30 e as 21.30 horas deste sábado.
