A Deputación concentra milleiros de persoas nas primeiras 24 horas do espazo pop-up temporal instalado en Madrid para fomentar experiencias arredor da campaña “Rías Baixas: a túa meta, o teu destino”

Trátase da primeira vez que o organismo impulsa esta acción que ata este domingo promove na madrileña praza Callao para achegar información turística e experiencias inmersivas arredor da náutica e do surf na provincia de Pontevedra

17/10/2026

A Deputación concentra milleiros de persoas nas primeiras 24 horas do espazo pop-up temporal instalado en Madrid para fomentar experiencias arredor da campaña “Rías Baixas: a túa meta, o teu destino”

A Deputación concentra milleiros de persoas nas primeiras 24 horas do espazo pop-up temporal instalado ata este domingo no número 1 da praza Callao de Madrid para fomentar experiencias arredor da campaña “Rías Baixas: a túa meta, o teu destino”. O deputado de Turismo, Jesús Vázquez Almuíña, xunto coa directora de Turismo Rías Baixas, Romina Fernández, acaba de visitar esta instalación pop-up que promove por vez primeira a institución provincial para achegar información turística sobre o destino e experiencias arredor da náutica e do surf na provincia de Pontevedra.

“Trátase -engadiu o deputado de Turismo, Jesús Vázquez Almuíña- dun espazo idóneo para presentar a oferta turística da provincia a novos públicos e potenciar a repercusión da campaña. Estamos a falar dunha praza que concentra preto de 340.000 persoas ao día e dun espazo estratéxico da capital española, con puntos comerciais, culturais e turísticos que favorecen a visibilidade da nosa marca e incrementan as oportunidades de interacción directa co público a través das experiencias inmersivas e das actividades de dinamización que estamos a desenvolver en Madrid”. Deste xeito, entre outras moitas accións promocionais, no espazo pop-up están instalados dous postos de realidade virtual, un de vela e outro de surf, para fomentar a interacción co público, conectar a experiencia coa campaña “Rías Baixas: a túa meta, o teu destino” e, ao mesmo tempo, promocionar a provincia como destino de turismo activo.

No posto de vela, as persoas participantes están a vivir unha experiencia náutica virtual en alta mar, navegando polas augas das Rías Baixas e contemplando as paisaxes da provincia. No caso do posto de surf, as persoas estanse a subir a unha táboa para que a inmersión sexa o máis semellante á realidade posible. En ámbolos dous postos hai modalidades de competición, con premios ás persoas coas mellores puntuacións. Deste xeito, o primeiro premio de vela beneficiarase dunha experiencia nunha adega, con visita, cata e degustación, e o primeiro premio de surf dunha noite de hotel con almorzo e circuíto de spa. Os seguintes clasificados das dúas experiencias de realidade virtual conseguirán desde reloxos intelixentes, neveiras ou ata, entre outras cousas, mantas coa imaxe de Turismo Rías Baixas.

A campaña “Rías Baixas: a túa meta, o teu destino” reafirma o compromiso da Deputación cun modelo turístico innovador, sostible e de calidade, no que o deporte actúa como motor de desenvolvemento económico social e territorial. A campaña busca consolidar as Rías Baixas como un destino de referencia para o turismo activo, poñendo en valor os recursos naturais da provincia, apoiando o tecido deportivo e turístico local e impulsando un estilo de vida saudable, que conecta territorio, persoas e experiencias. Ao longo do ano foi premiada en festivais de audiovisuais turísticos celebrados en Xapón, Estados Unidos, Sudáfrica, España, Francia e Croacia.

Galerias de imagenes