A Deputación continúa este domingo as rutas ornitolóxicas do 2025 cun percorrido pola costa sur da Ría de Arousa

Esta segunda saída do programa Voando nas Rías Baixas, que impulsa a institución provincial da man de SEO/BirdLife, esgotou as 25 prazas ofertadas en menos de 10 minutos

08/03/2025

A Deputación de Pontevedra continúa este domingo 9 de marzo a súa programación de rutas ornitolóxicas deste ano cunha actividade na costa sur da Ría de Arousa enmarcada no programa provincial Voando nas Rías Baixas, tras esgotar as 25 prazas ofertadas en menos de 10 minutos desde a apertura do prazo de inscrición. Este é o segundo dos sete percorridos organizados durante este ano pola Deputación, en colaboración coa asociación SEO/BirdLife, para sensibilizar a poboación sobre os recursos culturais e naturais da provincia de Pontevedra e sobre a importancia de conservar o medio natural.

A ría de Arousa é un dos mellores lugares de Galicia para a invernada de aves acuáticas, por iso nesta actividade se visitará parte do seu tramo sur (correspondente aos concellos de Cambados e Vilanova de Arousa) para observar as grandes poboacións de corvo mariño grande que alí invernan. As persoas participantes tamén poderán observar gaivotas comúns, virapedras comúns, mazaricos, pilros, gaivotas de cabeza negra, choronas, garzas, algún mourelo e ata algunha mobella grande.

O percorrido, guiado por dúas guías de ornitoloxía de SEO/BirdLife, inclúe un autobús, tanto para o desprazamento coma para a visita da zona na que ten lugar a actividade, e recoméndase levar roupa cómoda e calzado apropiado. Cada participante terá á súa disposición prismáticos para observar aves e dous telescopios terrestres de alta gama para poder gozar das aves sen molestalas. Ademais, entregaráselle unha guía de aves.

O calendario de actividades de Voando nas Rías Baixas en 2025 continúa coa ruta das Brañas de Xestoso (Forcarei e Silleda), o 25 de maio, e posteriormente a ruta da praia da Lanzada (O Grove e Sanxenxo) o 22 de xuño. Tralo verán, o 28 de setembro celebrarase a ruta dos campos e lagoas de Rouxique (Sanxenxo), que irá seguida da do esteiro do río Lérez e a Intermareal Combarro-Lourido (Poio e Pontevedra), o 9 de novembro, e en último lugar a ruta da enseada de San Simón (Pontevedra, Soutomaior e Vilaboa), pechando o calendario da edición o 14 de decembro.