A Deputación contrata a organización de novos workshops turísticos neste 2026 para promocionar o destino Rías Baixas

Luis López anunciou que a Xunta de Goberno acaba de adxudicar o contrato para celebrar os eventos, que terán lugar en cidades españolas de fóra de Galicia, por 120.000 euros

17/04/2026

A Deputación contrata a organización de novos workshops turísticos neste 2026 para promocionar o destino Rías Baixas

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou este venres a adxudicación por 120.000 euros da organización de dous novos workshops con actores turísticos para promocionar o destino Rías Baixas neste 2026. “Trátase dunha iniciativa de grande éxito que permite que as empresas pontevedresas poidan poñerse en contacto cara a cara con profesionais de importantes zonas emisoras de visitantes”, sinalou Luis López, o que lles permite crear alianzas de negocio para seguir afianzando o posicionamento da provincia de Pontevedra como destino turístico.

O presidente provincial explicou que entre as funcións da empresa contratada atópanse facer a proposta de cidades, e tamén se encargará da propia xestión dos eventos, escenografía, coordinación dos asistentes ou proposta gastronómica, entre outras tarefas.

Luis López lembrou que o pasado ano a Deputación se desprazou ata Zaragoza e Barcelona con estes talleres do sector turístico, “da man de 25 empresas, onde puiden comprobar en primeira persoa o prestixio e o tirón do noso sector cando se lle dá a oportunidade de promocionarse”, sinalou.

audios