A Deputación e o Concello de Forcarei destinarán 200.000 euros a poñer en valor as rutas vinculadas ao Camiño de Santiago ao seu paso pola vila

A Xunta de Goberno deu luz verde ao convenio de colaboración para a actuación “Ecorruta Galicia por dentro”, enmarcada no Plan de Sostibilidade Turística en Destino de Deza-Tabeirós-Terra de Montes financiado con 2 millóns procedentes de fondos europeos

01/04/2026

A Deputación e o Concello de Forcarei destinarán 200.000 euros a poñer en valor as rutas vinculadas ao Camiño de Santiago ao seu paso pola vila

A Deputación de Pontevedra e o Concello de Forcarei impulsarán a actuación “Ecorruta Galicia por dentro”, dotada de 200.000 euros para poñer en valor as rutas vinculadas ao Camiño de Santiago e ao turismo activo no marco do Plan de Sostibilidade Turística en Destino de Deza-Tabeirós-Terra de Montes, Os Camiños por Dentro. Este plan está dotado de 2,5 millóns de euros, dos que 2 millóns proceden de fondos europeos, cunha achega superior aos 400.000 euros de fondos provinciais.

Para a posta en marcha desta actuación, o presidente Luis López anunciou que “a Xunta de Goberno aprobou este mércores un convenio de colaboración co Concello de Forcarei coa finalidade de mellorar a calidade, a seguridade e a sinalización destas rutas”, ademais de reforzar e poñer en valor os recursos naturais e patrimoniais estratéxicos do territorio.

En Concreto, no marco da “Ecorruta Galicia por Dentro”, procederase ao acondicionamento dos camiños de Santiago, ao seu paso por Forcarei, e de elementos patrimoniais museísticos do municipio. En concreto, o proxecto afecta o Camiño Miñoto Ribeiro, o Camiño da Geira e dos Arrieiros, As Neveiras de Fixó e a Ruta das Pontes, e tamén se porán en valor a fervenza da Graña e o camiño da fervenza de Chamosa. En canto á segunda parte, acondicionarase e mellorarase a accesibilidade das salas do museo etnográfico de Soutelo de Montes. O Concello de Forcarei encargarase destes asuntos, e a Deputación de cuestións técnicas como a configuración de subproxectos, de habilitar o Concello como entidade executora para a carga de información, e da supervisión do grao de execución e da revisión final da documentación.

Luis López lembrou que a Deputación “dirixiuse ao Goberno central, concretamente ao Ministerio de Turismo, para solicitar unha prórroga no prazo deste plan, como tamén fixemos co plan do Condado-A Paradanta, neste caso xestionado pola Xunta de Galicia”. O obxectivo desta prórroga na que “se trata de gañar tempo ata xullo” é, tal como sinalou, “solucionar os erros de base deste plan, tarefa na que está implicada ao máximo o servizo de Turismo: confiamos en que o que foi posible coa Xunta tamén sexa posible co Goberno”.