A Deputación avanza na redacción do primeiro Plan Estratéxico de Transformación Dixital da provincia, con preto de 180.000 € para definir a folla de ruta tecnolóxica ata o 2030
“Somos moi conscientes de que a transformación dixital afecta a todos os sectores, tamén ao público, e apostamos por elaborar unha estratexia que recolla as necesidades dos principais axentes da provincia e responda aos retos aos que se enfronta a administración local”, asegurou Luis López
06/03/2026
A Deputación de Pontevedra activa o procedemento para redactar o primeiro Plan Estratéxico de Transformación Dixital da provincia, dotado con preto de 180.000 € para definir a folla de ruta tecnolóxica ata o 2030. O presidente provincial Luis López asegurou que “somos moi conscientes de que a transformación dixital afecta a todos os sectores, tamén ao público, e apostamos por elaborar unha estratexia que recolla as necesidades dos principais axentes da provincia e responda aos retos aos que se enfronta a administración local en canto ás tecnoloxías da información e da comunicación”.
Este primeiro Plan Estratéxico de Transformación Dixital levarase a cabo, tal e como indicou o presidente, “como adoitamos facer, escoitando a todos os axentes involucrados”. López subliñou a importancia desta ferramenta para avanzar no deseño de servizos centrados no cidadán, que permitan reforzar a súa satisfacción coa administración local, pero tamén no posto de traballo dixital, na eficiencia na xestión dos trámites administrativos ou, entre outros, na automatización dos procesos e na implantación de solucións áxiles. Deste xeito, o proceso de elaboración do plan contemplará a análise da situación actual, para determinar as necesidades de dixitalización na administración local da provincia; a análise de tendencias e de boas prácticas que desenvolven outros territorios en materia de transformación dixital; e a elaboración da estratexia, con actuacións concretas para poñer en marcha na provincia.
Con este primeiro Plan Estratéxico de Transformación Dixital, tal e como afirmou o presidente, “avanzamos para converternos nun referente en canto a tecnoloxías da información e da comunicación, e aliñamos a dixitalización coa estratexia provincial para convertela nun motor de competitividade, de atracción de inversión e de xeración de emprego cualificado, así como impulsamos o posicionamento da provincia de Pontevedra como un territorio intelixente”.
