Luis López anuncia a concesión de preto de 1,6 millóns de euros para a creación de 130 postos de traballo en 13 concellos da provincia

O presidente da Deputación informou do visto bo a estas novas achegas do Plan +Provincia que reforzarán os servizos municipais de Arbo, Caldas de Reis, A Cañiza, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Fornelos de Montes, A Illa de Arousa, A Lama, Meis, Mondariz-Balneario, O Rosal, Salceda de Caselas e Vila de Cruces

06/03/2026

Luis López anuncia a concesión de preto de 1,6 millóns de euros para a creación de 130 postos de traballo en 13 concellos da provincia

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, informou da aprobación en Xunta de Goberno de novas achegas por valor de preto de 1,6 millóns de euros no marco da liña 3 do Plan +Provincia 2026-2027 coas que se impulsará a creación de 130 postos de traballo nos concellos de Arbo, Caldas de Reis, A Cañiza, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Fornelos de Montes, A Illa de Arousa, A Lama, Meis, Mondariz-Balneario, O Rosal, Salceda de Caselas e Vila de Cruces. López recordou que “os concellos poden realizar as contratacións xa, porque esta axuda da liña 3 do Plan +Provincia ten un carácter retroactivo e no momento en que reciban a resolución poderán facer fronte aos custos que poidan anticipar”.

Mondariz-Balneario recibe 62.000 € para realizar oito contratacións: un técnico de turismo, un peón de oficios varios, cinco peóns forestais e un de recollida de lixo. Pola súa banda, Fornelos de Montes, 93.000 € para contratar a dez persoas desempregadas: un oficial tractorista, cinco condutores de maquinaria agrícola, un limpador, un socorrista, un técnico superior de acondicionamento físico e un administrativo.

Con 96.000 € Catoira contratará a nove persoas entre as que se atopan un albanel, seis peóns, un condutor e un auxiliar e axudante de museos e A Illa de Arousa realizará con 99.000 € 13 contratacións para 12 operarios de servizos múltiples e un guía informador turístico. No caso de Arbo serán 101.000 € para contratar temporalmente a 12 persoas desempregadas das que 10 serán peóns forestais e dous axudantes de tarefas de axuda no fogar.

A Lama recibe 109.000 € para realizar nove contratacións entre as que se atopan dous operadores de maquinaria forestal, un condutor, tres peóns forestais, un operario de limpeza, un conserxe e un auxiliar administrativo; e Meis 110.500 euros para contratar a sete persoas: dous peóns de obras públicas, un fontaneiro, un electricista, un albanel, un pintor e un peón forestal.

Pola súa banda, A Cañiza con 123.000 € incorporará a dez traballadores temporais aos servizos municipais, entre os que se atopan dous mozos de recollida de lixo, catro condutores operadores de maquinaria de vía e catro peóns de construción, e O Rosal con 129.000 € a oito, entre os que se sitúan un oficial electricista, un auxiliar de axuda no fogar, tres oficiais de obras e tres peóns de limpeza viaria e roza forestal.

Salceda de Caselas recibe 136.000 € para realizar sete contratacións: un condutor, tres peóns de xestión de residuos, un bibliotecario e dous limpadores; Vila de Cruces 151.000 € para realizar dez contratos de dous condutores, tres albaneis, un peón forestal e catro peóns de obras; e Caldas de Reis 156.000 € para sete contratos de dous peóns de obra pública, tres de limpeza, un oficial de albanel e un enxeñeiro forestal.

Finalmente, Cerdedo-Cotobade contará con 196.000 € para contratar a 20 persoas desempregadas entre as que se atopan seis encofradores, sete podadores, un condutor de maquinaria forestal, un electricista, dous pintores de vías urbanas, un canteiro e dous conserxes.

O presidente Luis López destacou que “seguimos, unha semana máis, sumando recursos dentro destes 85 millóns de euros dos que está dotado o +Provincia 2026-2027, o plan de obras e servizos de competencia municipal máis ambicioso da historia da Deputación”.

audios

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 7 resultados.