A Deputación remata en tempo récord as obras acometidas na EP-8002 Caldas-San Clemente, onde investiu 150.000 €

A boa dilixencia e axilidade do servizo de Infraestruturas provincial, quen tamén detectou o problema de seguridade da vía a través dunha inspección técnica, permitiu rematar esta actuación, cun prazo de execución previsto de tres meses, en menos dun mes

25/06/2026

A Deputación remata en tempo récord as obras acometidas na EP-8002 Caldas-San Clemente, onde investiu 150.000 €

A Deputación remata en tempo récord as obras acometidas na EP-8002 Caldas-San Clemente, onde o goberno provincial investiu 150.000 euros nunha actuación de emerxencia no punto quilométrico 0+600 para evitar riscos de afundimento. A boa dilixencia e axilidade do servizo de Infraestruturas provincial, quen tamén detectou o problema de seguridade da vía a través dunha inspección técnica, permitiu rematar esta actuación, cun prazo de execución previsto de tres meses, en menos dun mes.

A inspección técnica realizada polo servizo de Infraestruturas da Deputación constatou a existencia de importantes cavidades baixo a estrada, nunha zona na que existe un muro de contención de considerable altura. Estas oquedades provocaron a perda de material de recheo baixo a calzada e manifestábanse na aparición de gretas no pavimento. Segundo os informes técnicos, de continuar avanzando esta situación podería producirse o afundimento da estrada, co conseguinte perigo para a seguridade viaria.

Deste xeito, o servizo de Infraestruturas impulsou estas obras de emerxencia acometidas para reparar a situación e evitar que siga caendo material de recheo baixo a estrada cara a base da estrutura de contención existente. Ao detalle, fresouse o asfalto, retiráronse terras ata chegar á base da estrutura de contención, garantiuse unha correcta drenaxe das augas procedentes dun nacemento natural existente baixo a estrada, así como realizouse o recheo, compactación de terras e reposición do firme, asfaltado e sinalización horizontal para recuperar a circulación con plenas garantías de seguridade.

Galerias de imagenes