A Deputación volverá organizar workshops turísticos en 2026 para promocionar o destino Rías Baixas
Luis López anunciou que a Xunta de Goberno acaba de aprobar a contratación dos eventos, que terán lugar en cidades españolas de fóra de Galicia, por valor de 170.000 euros
12/12/2025
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, deu conta este venres da aprobación en Xunta de Goberno do expediente de contratación dunha nova xeira de workshops con actores turísticos para promocionar o destino Rías Baixas, cun orzamento de 170.000 euros. “Trátase dunha iniciativa de grande éxito que permite que as empresas pontevedresas poidan poñerse en contacto cara a cara con profesionais de importantes zonas emisoras de visitantes”, sinalou Luis López, o que lles permite crear alianzas de negocio para seguir afianzando o posicionamento da provincia de Pontevedra como destino turístico.
O presidente provincial deu conta dalgunhas das cuestións incluídas no marco do contrato, no que “imos sondar as localizacións para ver que cidades españolas de fóra de Galicia se axustan mellor ás nosas necesidades de promoción”. Estas cidades están escollidas “en base á análise do perfil do turista das Rías Baixas e tamén á posibilidade real de que aumente o número de turistas procedentes deses mercados”. Ademais da proposta de cidades, a empresa adxudicataria tamén se encargará da xestión dos eventos, da escenografía, da coordinación dos asistentes ou da proposta gastronómica, entre outras tarefas.
Luis López lembrou que este ano a Deputación se desprazou ata Zaragoza e Barcelona, “da man de 25 empresas, onde puiden comprobar en primeira persoa o prestixio e o tirón do noso sector cando se lle dá a oportunidade de promocionarse”, sinalou.
