A Deputación estrea este domingo en Soutomaior as actuacións do novo ciclo de +Escénicas cun espectáculo de contacontos con música en directo

“Cantando con Pinocho”, de Gallaecia Eventos, representarase o domingo 3 de maio no Multiúsos de Arcade a partir das 17:30 horas e con entrada libre

01/05/2026

A Deputación de Pontevedra estrea este domingo 3 de maio en Soutomaior o novo ciclo do circuíto +Escénicas, unha iniciativa da institución provincial que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia. A primeira función en programarse será o contacontos con música en directo “Cantando con Pinocho”, a cargo da compañía Gallaecia Eventos, que se representará no Multiúsos de Arcade a partir das 17:30 horas con entrada libre ata completar a capacidade do recinto.

“Cantando con Pincho” está protagonizado pola Fada de Cabelos Turquesa e por Pepiño, amigos de Pinocho, que contan a historia desta personaxe intercalando efectos sonoros, música en directo e cancións orixinais compostas para a ocasión. Nelas fálase sobre temáticas como o amor, a liberdade, a dignidade ou a importancia de perseguir un soño.

Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional levaba facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira e da segunda edición, a institución provincial volve programar un novo ciclo desta iniciativa, que medrou o seu orzamento nun 36% desde a súa posta en marcha, contando nesta anualidade con 204.000 euros. Cada concello puido solicitar ata cinco actuacións de teatro e danza entre as dispoñibles no catálogo de +Escénicas, que inclúe máis de 600 propostas, en réxime de cofinanciamento: a Deputación asume o 90% nos concellos de menos de 5.000 habitantes, o 80% nos concellos de entre 5.000 e 10.000, e o 70% nos de entre 10.000 e 20.000 habitantes. As funcións terán lugar ata o 31 de marzo de 2027.