A Deputación promociona as diferentes rutas cara Compostela que atravesan a provincia na feira Fairway. VI Foro do Camiño de Santiago
O deputado de Turismo, Jesús Vázquez Almuíña, participará na xornada de inauguración deste evento onde o organismo provincial divulgará a oferta turística do destino Rías Baixas e avanzará no impulso do turismo local e de proximidade
08/11/2025
A Deputación de Pontevedra promociona as diferentes rutas cara Compostela que atravesan a provincia na feira Fairway, VI Foro do Camiño de Santiago, que terá lugar na capital galega entre este domingo e o próximo xoves, 11 de novembro. O deputado de Turismo, Jesús Vázquez Almuíña, participará este domingo na xornada de inauguración deste evento onde a entidade provincial divulgará a oferta turística do destino Rías Baixas e avanzar no impulso do turismo local e de proximidade.
Neste evento, onde se aborda o fenómeno do Camiño de Santiago en toda a súa amplitude, o organismo provincial tamén participará en relatorios, meses redondas, obradoiros e reunións de traballo nas que poderá presentar e divulgar a provincia e analizar as tendencias existentes arredor do fenómeno xacobeo. Deste xeito, a Deputación establecerá redes de traballo para avanzar no futuro deste itinerario cultural europeo, conxugando as diferentes formas de achegarse a el, ben sexa a través da gastronomía, da cultura ou da innovación.
Para a Deputación de Pontevedra a participación en Fairway é unha oportunidade única para amosar ao público asistente, moi especializado na temática xacobea, as diferentes rutas que atravesan a provincia cara Compostela, así como para dar a coñecer a amplitude da oferta turística de Rías Baixas que complementa os percorridos.