A Deputación continúa a ruta do Sabor das Rías Baixas este mércores en Salceda de Caselas, Marín e Pontecesures coas súas food trucks de promoción das festas gastronómicas da provincia

A campaña de posta en valor da gastronomía pontevedresa estará dispoñible na Praza do Concello de Salceda de Caselas, na Alameda Rosalía de Castro de Marín e na Praza A Prazuela de Pontecesures con degustacións inspiradas nos pratos típicos dos eventos gastronómicos de interese turístico da provincia

09/03/2026

A Deputación de Pontevedra continúa este mércores a xira das food trucks que percorrerán os próximos meses todo o territorio provincial co obxectivo de promocionar e poñer en valor as festas gastronómicas de interese turístico que se celebran na provincia. Despois de pasar por Salvaterra de Miño, Bueu e Cuntis a semana pasada, nesta as degustacións chegarán a Salceda de Caselas (Praza do Concello), Marín (Alameda Rosalía de Castro) e Pontecesures (Praza A Prazuela), onde entre o mércores 11 e o venres 13 ofrecerán degustacións inspiradas nalgunhas das 25 festas pontevedresas de interese turístico de 12:30 a 15:30 horas e de 18:30 a 21:30 horas no caso de Marín e Pontecesures, e no caso de Salceda de Caselas o día 11 de 9:00 a 15:00 horas e os días 12 e 13 de 11:00 a 14:00 horas y de 17:00 a 20:00 horas en Salceda de Caselas.

O Sabor das Rías Baixas conta cunha frota de tres vehículos, que realizarán tres rutas para percorrer o norte, o centro e o sur da provincia informando sobre a oferta das festas gastronómicas, promocionando e poñendo en valor a gastronomía pontevedresa, e tamén promovendo unha xestión sostible dos recursos, tanto desde o punto de vista económico como o ambiental e social. Ademais das degustacións inspiradas nos pratos típicos destes eventos, nas food trucks repartirase material e promocional como folletos e carteis onde se recollen as datas de celebración destes eventos, os produtos gastronómicos de referencia cunha breve descrición de cada un, e mais o lugar exacto onde se celebra cada festa.

O Sabor das Rías Baixas é un paso adiante da Deputación para diversificar a oferta turística da provincia, co obxectivo de atraer turismo interno durante a temporada baixa, así como para a descentralización das actividades levadas a cabo por Turismo Rías Baixas en todos os concellos. Este programa serve como ferramenta estratéxica para achegar ao público experiencias culinarias vinculadas á identidade cultural da provincia, para crear novas oportunidades de visita e consumo e tamén para favorecer a actividade económica local.

As festas promovidas son a Festa do Lacón con Grelos (Cuntis), a Festa do Caldo de Mourente (Pontevedra), a Festa Encontro-Degustación do Millo Corvo (Bueu), Festa da Ostra de Arcade (Soutomaior), a Festa do Requeixo e o Mel (A Neves), a Festa do Choco (Redondela), a Festa do Salmón (A Estrada), a Festa da Troita (Ponte Caldelas), a Festa do Galo de Curral (Vila de Cruces), a Festa da Langosta (A Guarda), a Festa da Vieira e Festa do Albariño (Cambados), a Feira do Viño do Rosal, a Festa do Carneiro ao Espeto (Moraña), a Romaría da Tortilla de Laro e a Festa da Empanada da Bandeira (Silleda), a Festa do Mexillón e o Berberecho (Vilanova de Arousa), a Festa-Feira do Xamón (A Cañiza), a Festa da Lamprea e a Festa da Lamprea Seca (Arbo), a Festa da Ameixa do Carril (Vilagarcía de Arousa), a Festa da Anguía e Mostra da Caña do País (Valga), a Festa do Viño do Condado do Tea (Salvaterra de Miño), a Festa do Marisco (O Grove) e a Feira do Cocido (Lalín).