A Deputación ilumina o seu Pazo Provincial de vermello para conmemorar o Día Mundial da Hemofilia
A institución súmase a esta iniciativa promovida pola Asociación Galega de Hemofilia e pola Federación Mundial de Hemofilia que ten lugar o 17 de abril para conmemorar o nacemento do fundador da segunda, Frank Schnabel
15/04/2026
A Deputación de Pontevedra tinguirá de vermello o seu Pazo Provincial desde as 20:30 horas deste venres 17 de abril ata as 7:30 do sábado 18 ao abeiro da conmemoración do Día Mundial da Hemofilia. A institución provincial súmase así ás reivindicacións da Asociación Galega de Hemofilia e a Federación Mundial da Hemofilia, que pretende nesta data promover a conciencia e a comprensión sobre esta doenza.
O lema escollido neste 2026 é “A diagnose: primeira etapa da atención”, co que se quere reivindicar importancia crucial da diagnose, o primeiro paso indispensable para o tratamento e a atención. A Federación calcula que máis de tres cuartas partes da poboación de persoas con hemofilia no mundo permanece sen recibir diagnose, e que existe unha fenda moito máis importante no caso doutros trastornos de coagulación, como a enfermidade de Von Williebrand.
O Día Mundial da Hemofilia celébrase o 17 de abril en conmemoración da data de nacemento do fundador da Federación Mundial da Hemofilia, Frank Schnabel, un home de negocios de Montreal nado con hemofilia A grave e cuxa visión era mellorar o tratamento e atención dos centos de milleiros de hemofílicos do conxunto do planeta.