Luis López destaca a inxección de 300.000€ de fondos provinciais no campo Manuel Regueiro da Estrada cos que a provincia do deporte suma máis e mellores instalacións
O mandatario provincial, acompañado polo alcalde Gonzalo Louzao, participa na inauguración dunha instalación deportiva reformada ao 100% pola Deputación ao abeiro do Plans Extraordinarios de Infraestruturas Deportivas e o +Provincia
19/09/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de participar este sábado na Estrada na inauguración da reforma do campo de fútbol Manuel Regueiro, un proxecto valorado en máis de 300.000 euros e financiado ao 100 % polo organismo provincial a través da combinación dos recursos do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas e o +Provincia que permite que a provincia do deporte siga gañando instalacións renovadas e da máxima calidade. “Somos a provincia do deporte porque temos os mellores deportistas e clubs, prestamos o máximo apoio ás entidades deportivas, acollemos os mellores eventos e, por suposto, contamos con instalacións de primeira”, afirmou o mandatario provincial facendo referencia aos máis de 28M€ mobilizados a través de catro convocatorias do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, ademais dos 1,8M€ destinados á mellora de instalacións de clubs deportivos a través do primeiro plan Prodeporte.
A obra para a reforma do campo de fútbol de Manuel Regueiro da Estrada serviu para renovar o peche perimetral, instalar unha nova bancada con aforo para 350 persoas, construír novos aseos e mellorar a iluminación do campo, a fontanería, os vestiarios e os materiais. O financiamento da actuación, sufragada ao 100 % pola Deputación, fíxose con cargo ao segundo Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, cunha achega de 201.000€ por esta vía; e tamén con recursos do Plan +Provincia 2025, do que A Estrada decidiu destinar 106.000€ para este proxecto. “Se esta é a provincia do deporte, A Estrada é o Concello do deporte”, afirmou o presidente provincial para recoñecer a aposta compartida polo goberno local, liderado polo alcalde Gonzalo Louzao, pola mellora das instalacións e o fomento da actividade deportiva.
De feito, nestes máis de tres anos de mandato a Deputación ten mobilizado un total de 10,3M€ na Estrada só a través dos distintos plans de cooperación cos concellos. Destes fondos, 2,3M€ destináronse especificamente a proxectos de ámbito deportivo como a mellora das piscinas municipais, a remodelación da iluminación e o céspede do estadio municipal ou a construción do módulo cuberto de atletismo.
