Luis López salienta unha aposta sen precedentes polas infraestruturas deportivas no Deza e Tabeirós-Terra de Montes ao investir a Deputación case medio millón

O presidente provincial presenta os proxectos que financiará a Deputación ao abeiro do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas nos concellos da Estrada, Lalín, Dozón, Silleda, Vila de Cruces, Forcarei e Rodeiro

13/05/2024

Luis López na presentación das inversións en Deza-Tabeirós

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destacou o compromiso do goberno provincial pola mellora das infraestruturas e instalacións deportivas na provincia coa presentación dos proxectos aprobados ao abeiro do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas nos concellos das comarcas do Deza, Tabeirós e Terra de Montes que supoñen o investimento de preto de medio millón de euros nos concellos de A Estrada, Dozón, Lalín, Rodeiro, Silleda, Vila de Cruces e Forcarei. “A Deputación está a realizar unha aposta estratéxica polo deporte. Unha aposta que, seguindo os criterios do municipalismo, queremos levar a todos os concellos e comarcas da nosa provincia e é algo que estamos a facer con este Plan Estratéxico de Infraestruturas Deportivas que deixa nesta comarca medio millón de euros e unhas instalacións deportivas modernas e adaptadas aos novos tempos”, subliñou o mandatario provincial.

A vicepresidenta Luisa Sánchez referiuse a este programa como unha mostra de municipalismo, compromiso co deporte e aposta polo desenvolvemento económico no conxunto da provincia. “Falamos dunha inxección para o deporte, non hai máis que ver todo o que imos facer nas infraestruturas deportivas destas comarcas con recursos provinciais. Pero tamén é unha inxección municipalista, porque estes recursos permiten transformar equipamentos municipais para que os nosos cidadáns, vivan onde vivan, poidan practicar deporte coas mesmas garantías. E ademais, é unha inxección económica e de emprego xa que estas actuacións moven as nosas empresas e inciden na creación e mantemento de postos de traballo”, detallou a vicepresidenta e responsable provincial da área de deportes.

Na presentación, López  repasou os proxectos aprobados nestas comarcas ao abeiro deste programa extraordinario dotado cun orzamento de 4 millóns de euros. Comezou Luis López co proxecto do concello anfitrión desta presentación: A Estrada. O presidente salientou que a Deputación financiará o 100 % do proxecto de mellora das piscinas municipais. Unha obra que conta cun orzamento de 450.000 euros, dos que 120.000 euros corresponden a unha subvención deste Plan de Infraestruturas Deportivas e os 330.000 euros restantes a unha axuda concedida ao abeiro do programa +Provincia. “Trátase dunha intervención integral para rehabilitar o vaso da piscina grande, mellorar os sistemas de depuración, tratamento de auga e electricidade, así como a instalación de accesorios de fontanería e dun pequeno local técnico para ofrecer á veciñanza unhas piscinas modernas”, detallou López, quen aproveitou a presenza do alcalde Gonzalo Louzao para felicitalo polo seu recente nomeamento.

Non é a única liña de colaboración entre a Deputación e o Concello da Estrada en materia deportiva. Ambas as institucións asinaron un convenio ao abeiro do programa PON2030 por valor de dous millóns de euros, dos que a Deputación aporta a metade, para a construción dun módulo polideportivo cuberto.

Continuou o presidente provincial co resto de investimentos previstos nos outros seis concellos baixo este plan de mellora das instalacións deportivas. O Concello de Lalín é un dos maiores beneficiarios ao executar ata sete proxectos valorados nun total de 120.000 euros e que se centran no Lalín Arena coa instalación dun elevador acuático portátil (9.500€), na reparación das rampas de acceso (20.000€), adquisición de dúas pantallas LED (18.000€), a subministración de estores e paneis (9.200€) e a subministración de máquinas e material deportivo (8.000€), así como a adquisición de pavimento sintético para a pista de atletismo do Manuel Anxo Cortizo (19.500€) e a adquisición de marcadores para o estadio Manuel Anxo Cortizo e o Pavillón Municipal (35.000€).

Pola súa banda, en Dozón investiranse 25.000 euros para a mellora dos vestiarios das piscinas municipais, en Silleda achéganse 64.000 euros para a instalación de varios módulos para a práctica do skate e para unha pista multideportiva, en Forcarei está prevista a mellora do pavillón polideportivo de Soutelo de Montes por 36.000 euros, en Vila de Cruces executarase a mellora e ampliación do ximnasio municipal por 45.300 euros e en Rodeiro construirase unha cuberta para a pista de pádel por 31.700 euros.

A mellora das instalacións deportivas, unha prioridade para a Deputación

Neste sentido, Luis López puxo en valor a importancia deste programa, que foi unha das primeiras medidas tomadas polo goberno de Luis López desde a súa toma de posesión no pasado mes de xullo. “Estamos aquí para falar do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas. O primeiro que fixemos ao tomar posesión do goberno foi comprobar o estado das contas a atopámonos cun orzamento practicamente esgotado, cun marxe de manobra mínimo”, contextualizou o presidente. “Unha das nosas primeiras medidas, grazas ao traballo do goberno e dos técnicos da Deputación, foi reestruturar ese orzamento e anunciar, xa en outubro, un Plan dotado de 4 millóns de euros.

Un plan que é froito da escoita aos alcaldes e alcaldesas que nos trasladaban a necesidade de contar con mellores instalacións para a práctica deportiva, froito da aposta deste goberno por fomentar hábitos de vida saudables e apoiar o noso tecido deportivo e froito do noso proxecto de futuro para contar cunhas infraestruturas deportivas modernas e de calidade”, continuou o dirixente para destacar que “só oito meses despois conseguimos redactar unhas bases cuns criterios obxectivos e un reparto de fondos xusto e para todos, recibir e estudar as solicitudes dos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia e aprobar boa parte dos proxectos”.

Apoio aos deportistas e organización de eventos deportivos

Pero o apoio da Deputación ao deporte non se limita unicamente á mellora das infraestruturas deportivas dos concellos. “Apoiamos os nosos deportistas, clubs e federacións a través de becas e subvencións; tamén apostamos pola organización de eventos deportivos de interese que estimulan o turismo durante todo o ano, consolidan á provincia como destino turístico ligado ao deporte e traemos á nosa provincia referentes deportivos de nivel internacional para os nenos e nenas”, declarou o presidente Luis López facendo referencia a eventos deportivos como o partido da Selección Española de balonmán que tivo lugar en Lalín a semana pasada ou o pioneiro programa de formación de novos pilotos presentado este mesmo luns, o +Talento Motor, do que sairá, nunha xornada en Forcarei, o piloto que conduza un coche patrocinado pola Deputación nos cinco rallys do Campionato Galego.

“A Deputación aposta polo deporte porque mellora a calidade de vida, mellora os servizos para a veciñanza e dinamiza a economía dos concellos e porque mellora o recoñecemento das Rías Baixas como destino turístico ligado ao deporte e á natureza”, rematou Luis López, quen agradeceu a vontade dos concellos para colaborar coa Deputación. “Xuntos construímos unha provincia que vai a máis”, concluíu o presidente.

Galerias de imagenes

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 7 resultados.