Luisa Sánchez salienta en Vigo a forza e a personalidade da mostra ‘Entre o relato e a terra’ de Paola Moscatelli
19/06/2026
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, asistiu este venres no Pazo da Oliva de Vigo á inauguración da exposición ‘Entre o relato e a terra’, da artista italiana Paola Moscatelli. A mostra, comisariada por Raúl Velloso, reúne unha selección de obras desta creadora afincada en Panamá, caracterizadas pola intensidade cromática, a presenza da figura feminina e a súa estreita vinculación coa natureza e co mundo ecuestre. A exposición propón un diálogo entre as raíces mediterráneas da artista e a identidade tropical latinoamericana, convertendo a cor, a memoria e a narración nos seus principais fíos condutores. Luisa Sánchez felicitou a Moscatelli pola súa obra e asegurou que a primeira impresión que lle transmitiu a exposición foi “a forza que desprende”. “Hai cor, hai personalidade e hai enerxía. É un auténtico regalo para a vista”, sinalou a vicepresidenta, quen destacou que se trata dunha mostra que conecta directamente co público.