A Deputación organiza este sábado seis novas saídas ao abeiro do plan +Convivencia para entidades de cinco concellos da provincia

Máis de 500 persoas poderán desfrutar de visitas ás illas Ons, Cíes e Tambo, dun paseo en barco con degustación de mexillóns ou descubrir o museo etnográfico “Casa do Patrón”

05/06/2025

A Deputación de Pontevedra continúa este domingo 8 de xuño as saídas programadas ao abeiro de +Convivencia, con seis novas actividades das que desfrutarán 522 persoas da provincia a través de entidades de Vigo, Vilanova de Arousa, Pontevedra, As Neves e Moaña. A actividade máis demandada é “O mar que nos une” para visitar as illas Cíes (Vigo), á que asistirán 198 persoas da ANPA Divino Salvador de Vigo.

Tamén o sábado un grupo de 130 persoas da ANPA Sestelo Baión de Vilanova de Arousa realizará unha saída á illa de Ons (Bueu) e 50 persoas procedentes do Club Peña Trevinca Montañeiros de Galicia (Vigo) visitarán a Illa de Tambo para festexar o Día dos Océanos. As actividades desta semana complétanse cun paseo en barco desde O Grove con degustación de mexillóns, que desfrutarán 54 persoas da Asociación Veciñal, Cultural e Deportiva de Cabral; cunha visita ao Museo Etnográfico “Casa do Patrón” (Lalín), na que participarán outras 40 persoas da Asociación de Veciños San Cibrán de Ribartame das Neves; e finalmente cunha visita á praia do Vao (Vigo) para 50 persoas máis da ANPA A Ruza de Moaña.

O programa +Convivencia, cun orzamento de 275.000 euros (un 25% máis que os 220.000 euros da súa primeira edición), está a permitir que 229 entidades sen fins de lucro coñezan o patrimonio natural, artístico, etnográfico e cultural da provincia de Pontevedra. A Deputación oferta un amplo catálogo de actividades relacionadas coa arqueoloxía, coa arquitectura civil, relixiosa ou popular, co Camiño de Santiago ou cos museos, entre moitas outras. Todas as propostas están abertas a entidades de iniciativa social, asociacións de mulleres, de maiores, veciñais e culturais ou tamén ANPA da provincia.

O goberno provincial destina este ano a cada entidade unha axuda de ata 1.200 euros (o ano pasado as axudas máximas eran de mil euros) para que poidan xestionar e deseñar con total autonomía a súa actividade, favorecendo a contratación de empresas do tecido máis próximo e estimulando a economía local. Ademais, o número mínimo de persoas participantes en cada excursión é de 30, ou 20 no caso daquelas viaxes ou actividades nas que sexa necesario contratar autobuses e participen persoas con mobilidade reducida que precisen unha cadeira de rodas ou outras axudas técnicas.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 7 resultados.