A Deputación mobiliza esta semana 24 colectivos sociais de 18 concellos da provincia nos obradoiros de +Xuntas

+Xuntas é un programa provincial destinado a promover a igualdade a través de actividades formativas que chegarán durante o ano 2025 a entidades de 56 concellos

22/09/2025

A Deputación de Pontevedra comeza esta semana novas actividades formativas do programa +Xuntas que mobilizarán un total de 24 colectivos de 18 concellos da provincia: Barro, Cambados, Campo Lameiro, A Cañiza, Cerdedo-Cotobade, Crecente, A Estrada, Marín, Mondariz, Ponteareas, Ponte Caldelas, Pontevedra, O Rosa, Silleda, Soutomaior, Vigo, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa. Un total de 357 mulleres de entidades sociais destas localidades iniciarán novas actividades formativas incluídas nunha iniciativa da Deputación que busca promover a igualdade, un dos grandes compromisos e obxectivos transversais do goberno da institución provincial.

Este luns 22 de setembro comezan nove novas actividades, entre elas, tres de arte floral na Asociación de Mulleres Rurais Axouxere da Cañiza, na Asociación Mulleres do Verdugo de Ponte Caldelas, e na Asociación Esclavas de la Virgen Dolorosa de Crecente. Tamén se iniciou un obradoiro de pintura para a Asociación Veciñal e Cultural San Martiño de Rebordelo, un de patchwork para a Asociación de Maiores de Ponteareas, un de artesanía en coiro para a Asociación de Consumidores e Iniciativa Social de Amas de Casa de Marín, un de pilates para a Asociación de Mulleres Rurais A Chanciña (Campo Lameiro), un de ximnasia hipopresiva para a Asociación Española contra el Cáncer (Vigo) e un de conservación de alimentos, conservas e encurtidos para a Asociación Mulleres en Igualdade do Rosal.

Pola súa banda, o martes 23 a Asociación Cultural Moreira A Tope (Soutomaior) empeza unha acción de musicoterapia e a Asociación de Mulleres de Silleda unha de patchwork. As formacións seguen o mércores 24 cun curso de pilates para a Asociación de Mulleres Femeninas en Acción (Vilanova de Arousa), un de musicoterapia para a Asociación Musical Cultural Tirante (Barro) e outro de pintura para a Asociación de Mulleres Rurais Santa Clara de Ancorados (A Estrada).  Xa o xoves 25 comezará unha actividade de arte floral para integrantes da Asociación de Veciños Heroes de Pontesampaio (Pontevedra), unha de alfabetización dixital para a Asociación de Mulleres Rurais Lolita Trigo (Vilanova de Arousa), unha de patchwork para a Asociación de Mulleres Rurais Fervenza do Castelo (Silleda) e unha de conservación de alimentos, conservas e encurtidos para a Asociación de Mulleres Rurais A Seca de Corbilón (Cambados).

Ademais, o venres 26 a Asociación de Mulleres Rurais O Mouriño (Vilanova de Arousa) comeza un obradoiro de conservación de alimentos, conservas e encurtidos, a Asociación de Mulleres Rurais Os Borrizos de Cornazo (Vilagarcía de Arousa) un de arte floral e a Asociación de Mulleres de Gargamala (Mondariz) un de alfabetización dixital. Por último, o sábado 27 comezan en Cerdedo-Cotobade dous cursos de risoterapia para a Asociación de Veciños San Gregorio da Corredoira e para a Asociación de Veciños Pé de Mula, e outro de pilates para a Asociación Sociocultural Deportiva de Veciños e Amigos de Santiago de Caroi.

No marco de +Xuntas este ano terán lugar 207 accións formativas dirixidas a entidades de 56 concellos da provincia que traballan na promoción das mulleres e apoiando o seu desenvolvemento. O programa ten un orzamento de 325.000 euros e chegará a máis de 5.000 mulleres, que puideron escoller entre 26 obradoiros encadrados en catro bloques temáticos relacionados coa tecnoloxía, a creatividade, o medio natural e a saúde.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 7 resultados.