A Deputación abre este martes o prazo para solicitar os máis de 200 obradoiros da nova edición de +Xuntas

O vicepresidente Rafa Domínguez e a deputada de Igualdade, Paula Bouzós, anunciaron a apertura do prazo nunha visita ás instalacións de Down Pontevedra, unha das asociacións beneficiadas este ano cunha acción formativa de teatro

15/12/2025

A Deputación de Pontevedra abre mañá, martes 16 de decembro, o prazo para que as entidades da provincia soliciten algunha das máis de 200 formacións que se desenvolverán o próximo ano no programa provincial +Xuntas. O vicepresidente Rafa Domínguez e a deputada de Igualdade, Paula Bouzós, anunciaron a posta en marcha desta nova edición no inicio dunha rolda de visitas a algúns dos colectivos que se beneficiaron do programa na edición de 2025 para informalos da súa reactivación. Este luns achegáronse ás instalacións da asociación Down Pontevedra, na cidade de Pontevedra, cuxas usuarias participaron este ano nun obradoiro de “Teatro. Mulleres á escena”.

Con +Xuntas a institución provincial busca mellorar a formación básica das mulleres e as súas condicións de vida, promover a súa autonomía individual, así como crear redes de apoio para impulsar a participación activa, a sororidade e a xeración de vínculos entre as participantes. En total ofreceranse 207 obradoiros, polo que se poderán beneficiar 207 entidades.

As asociacións teñen ata o 15 de xaneiro para solicitar algún dos 26 obradoiros ofertados, distribuídos en catro temáticas: +Tecnoloxía (alfabetización dixital, socialización e administración de redes sociais e administración electrónica), +Creatividade (pintura, teatro, encontros con lectoras, retallos, personalización de álbums e artesanía en coiro), +Natura (plantas medicinais, conservación de alimentos, xardinería, hortas ecolóxicas e arte floral) e +Saúde (ioga, pilates, taichí, ximnasia hipopresiva, menopausa de forma saudable, autocoidado, autoestima e comunicación asertiva, musicoterapia, risoterapia e atención plena).

O programa +Xuntas conta cun orzamento de preto de 340.000 euros, e en cada formación poderán participar grupos de entre 20 e 25 persoas, segundo a especialidade. Terán unha duración de 35 horas e todos eles incluirán un módulo específico de sensibilización sobre igualdade, ademais de estar integrada de xeito transversal en todos os contidos.