A Deputación enche O Condado de cultura este domingo no marco da Festa da Temporada de Mondariz Balneario

Mondariz Balneario acollerá a actuación da banda Blues do país no marco do programa +Música e a performance “Auga e Terra: a pel do territorio” dentro do +Escénicas

12/09/2026

A Deputación de Pontevedra programa este domingo un total de dúas actividades culturais na comarca do Condado, concretamente no Concello de Mondariz Balneario. A vila acollerá o espectáculo da banda Blues do País e o Sindicato da Verbena e a performance “Auga e Terra: a pel do territorio” no marco da súa Festa da Temporada, con cargo respectivamente aos programas +Música, co que a Deputación colabora cos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para apoiar a súa programación cultural e difundir e mais fomentar a lingua e a cultura galegas; e +Escénicas, unha iniciativa que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia.

Tralo concerto dos Revenidos ofrecido este sábado, o programa +Música volve á Festa da Temporada de Mondariz Balneario da man do espectáculo de Blues do País. O dúo naceu en 2014 e leva música de calidade en galego mesturada con teatro, clown e improvisación, cunha enerxía, retranca e entrega totais en cada directo. Neste espectáculo estarán acompañados da súa banda, o Sindicato da Verbena, para seguir coa súa proposta de versión de clásicos do blues, o soul ou o rhythm 'n' blues adáptandoos á idiosincrasia galega. O espectáculo terá lugar ás 12:30 horas nos xardíns do Gran Hotel.

Pola tarde, ás 18:00 horas, os xardíns acollerán o espectáculo “Auga e Terra: a pel do territorio”, de Giovanni Peixoto e Inés Piñeiro. Trátase dunha performance de 13 minutos de duración que afonda na idea da nosa pel como o territorio externo pero tamén o máis profundo, e na terra como o lugar onde están as cicatrices e sinais de todo o que acontece, sendo a auga o escultor que moldea a terra. O dúo entrega os seus corpos a expresar que a terra e a auga teñen integridade por separado, mais sempre unidas e nunha relación que pode ser, dependendo do momento, harmoniosa, agresiva ou tensa.

No marco de +Música, entre os meses de maio e decembro estanse a celebrar 93 actuacións en 58 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Este programa ten un orzamento de 700.000 euros, cos que o organismo provincial aboa os custos de caché dos espectáculos e impulsa a reputación de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel. A través de +Música, a Deputación aposta pola descentralización da cultura e a programación de actos culturais de calidade por toda a xeografía provincial.

Pola súa banda, co circuíto +Escénicas a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional levaba facendo desde fai preto de 20 anos. Tralo éxito da primeira e da segunda edición, a institución provincial volve programar un novo ciclo desta iniciativa, que medrou o seu orzamento nun 36% desde a súa posta en marcha ata situarse en 204.000 euros. Cada concello puido solicitar ata cinco actuacións de teatro e danza entre as dispoñibles no catálogo de +Escénicas, que inclúe máis de 600 propostas, en réxime de cofinanciamento: a Deputación asume o 90% nos concellos de menos de 5.000 habitantes, o 80% nos concellos de entre 5.000 e 10.000, e o 70% nos de entre 10.000 e 20.000 habitantes. As funcións terán lugar ata o 31 de marzo de 2027.