A Deputación ofrécelles aos 46 concellos de menos de 20.000 habitantes adheridos ao CAAN un novo servizo de esterilización de gatos procedentes de colonias felinas

O presidente da institución provincial, Luis López, informou de que se lles remitirá unha carta ás alcaldesas e aos alcaldes para informalos deste novo servizo e do procedemento que deben seguir para solicitalo

19/01/2024

Luis lópez na rolda de prensa

A partir deste ano a Deputación de Pontevedra ofrécelles aos 46 concellos de menos de 20.000 habitantes adheridos ao CAAN (Centro de Acollida e Protección Animal da Armenteira) o servizo de esterilización de gatos procedentes de colonias felinas legalmente establecidas. O presidente da institución provincial, Luis López, explicou na rolda de prensa que se lles remitirá unha carta ás alcaldesas e aos alcaldes para informalos deste novo servizo e do procedemento que deben seguir para solicitalo.

Ata o de agora, tal e como explicou o presidente provincial,  a Deputación de Pontevedra, a través do CAAN, ofrecíalles colaboración aos concellos en canto á redacción dos plans de xestión de colonias felinas. Con este novo servizo, a Deputación amplía as prestacións de apoio aos gobernos locais para cumprir a lei que determina que están obrigados a xestionar as colonias felinas, identificando, esterilizando, vacinando e desparasitando os animais que as integran.

“Os recursos económicos e humanos dos concellos —asegurou Luis López—, sobre todo dos pequenos, son os que son, cada vez máis limitados. Por iso, o noso obxectivo é axudarlles, neste caso, ademais, para que lles poidan dar cumprimento a un imperativo legal”. Deste xeito, os concellos interesados deberán achegar a solicitude de esterilización dos gatos recollidos nas colonias felinas, así como unha memoria na que se especifiquen, entre outras cuestións, o número de colonias no seu termo municipal e os animais presentes en cada unha delas.

A colaboración da Deputación prestarase a través dos servizos veterinarios do CAAN. O concello deberá contactar co centro e indicar o número de gatos que desexa esterilizar.  Por razóns de operatividade, poderán recollerse un máximo de dez felinos por día e as solicitudes atenderanse por estrita orde de entrada. A recollida dos animais por parte dos concellos deberá realizarse no prazo máximo de 36 horas desde a súa chegada ao CAAN e, xunto cos animais, entregaráselles un certificado de esterilización no que se indicarán as intervencións realizadas, os coidados e os tratamentos que se deben ter en conta.

Este novo servizo que ofrece a Deputación a través do CAAN enmárcase no novo contrato adxudicado a Tragsa, a través do cal a institución provincial investirá 1,4 millóns de euros ata finais de 2025. O novo contrato contempla a retirada de cans, a xestión da entrega de animais e a esterilización de gatos das colonias felinas dos concellos da provincia con menos de 20.000 habitantes. Ademais,  inclúe a realización de tarefas de mantemento e coidado dos animais recollidos, así como a súa identificación, revisión, tratamento sanitario, esterilizacións, asistencia veterinaria e xestión de adopcións de animais declarados abandonados.

A través do CAAN tamén se deseñan e desenvolven campañas de adopción, fórmanse persoal técnico e autoridades municipais, inícianse e dáselles seguimento aos expedientes de protección animal e en materia de animais potencialmente perigosos, realízanse estudos e informes, e colabórase en investigacións sobre saúde e benestar animal.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 6 resultados.