A Deputación presenta o Rías Baixas Convention Bureau no Foro MICE Galicia tras converterse na terceira deputación provincial de España en formar parte do Spain Convention Bureau
O deputado de Turismo, Jesús Vázquez Almuíña, puxo en valor a potencialidade da provincia para acoller convencións e grandes eventos, congresos ou reunións e enxalzou o traballo desenvolvido pola Deputación para converterse, tras Valencia e Granada, na terceira institución provincial en formar parte deste organismo da FEMP
16/09/2026
A Deputación de Pontevedra acaba de presentar o Rías Baixas Convention Bureau no Foro MICE Galicia tras converterse na terceira deputación provincial de España en formar parte do Spain Convention Bureau. O deputado de Turismo, Jesús Vázquez Almuíña, acaba de participar xunto coa directora de Turismo Rías Baixas, Romina Fernández, neste encontro no que puxo en valor a potencialidade da provincia para acoller convencións e grandes eventos, congresos ou reunións e enxalzou o traballo desenvolvido pola Deputación para converterse, tras Valencia e Granada, na terceira institución provincial en formar parte deste organismo da FEMP.
Para o deputado Vázquez Almuíña é fundamental avanzar na captación deste segmento turístico que atrae cada ano a 10,5 millóns de visitantes ata España e prevé superar neste 2026 os 11 millóns. Neste eido puxo en valor a ampla oferta da provincia, tanto desde o punto de vista de aloxamentos e dos servizos de restauración, como en canto aos recursos turísticos en xeral ou ás infraestruturas para acoller convencións, eventos, congresos ou reunións e os equipos técnicos para producilas: “Temos argumentos de sobra para competir neste mercado”, remarcou o deputado. Por estes motivos, e a través do Rías Baixas Convention Bureau estanse a dar pasos cara adiante para captar viaxes de incentivos, congresos, eventos e reunións na provincia de Pontevedra, para dinamizar e impulsar un turismo de calidade, desestacionalizado e internacional, tendo en conta que o segmento MICE está a experimentar un importante crecemento anual, tanto en canto ao número de participantes como no gasto medio por persoa, cun incremento de ata un 24% na última década.
Pola súa banda, na súa presentación, a directora de Turismo Rías Baixas, Romina Fernández, explicou como xurdiu o Rías Baixas Convention Bureau e os seus principais obxectivos, entre os que se atopan o feito de ser o paraugas da oferta MICE (Reunións, Incentivos, Congresos e Eventos) que xa existía na provincia de Pontevedra. Neste eido, recordou que ao longo deste ano o organismo e a provincia foron auditados para poder formar parte do Spain Convention Bureau e que desde entón estase a traballar na creación da primeira guía dixital e en papel de empresas da provincia de Pontevedra que prestan servizos a disposición do MICE. Tamén adiantou que se vai organizar proximamente a primeira viaxe de familiarización (fam trip) orientada ao turismo MICE na provincia de Pontevedra.
