A Deputación pecha este domingo as portas das exposicións que o Museo de Pontevedra dedica á fotografía do século XIX e á iconografía de San Sebastián

Nesta Semana Santa o Museo abrirá de 10:00 a 21:00 horas o martes, o mércores e o sábado, e de 11:00 a 14:00 horas os días festivos, xoves, venres e domingo

30/03/2026

A Deputación pecha este domingo as portas das exposicións que o Museo de Pontevedra dedica á fotografía do século XIX e á iconografía de San Sebastián

Estes días de Semana Santa serán os últimos para achegarse ás dúas exposicións temporais que neste momento están abertas no Edificio Castelao do “Debuxar coa luz. A fotografía en Pontevedra no século XIX” Museo de Pontevedra: “Debuxar coa luz. A fotografía en Pontevedra no século XIX” e “San Sebastián, corpo de beleza e dor. Unha paixón privada”. Ambas se poden visitar no horario habitual do Museo, que nesta semana de festivos se concreta na apertura de 10:00 a 21:00 horas o martes, mércores e sábado, e de 11:00 a 14:00 horas o Xoves Santo, o Venres Santo e o domingo.

“Debuxar coa luz. A fotografía en Pontevedra no século XIX” revisa a través de arredor de 300 fotografías, a maioría orixinais do XIX, e máis dun cento de obxectos e pezas de mobiliario, como traballaban os pioneiros da fotografía que comezaron a rexistrar a cidade e os seus habitantes nas primeiras décadas de expansión do novo invento. A mostra dedica especial atención a dous aspectos predominantes na fotografía do XIX: o retrato e a fotografía urbana, prestando atención tamén a outros aspectos como o uso documental e científico da fotografía e a irrupción das revistas ilustradas.

Na mostra, comisariada por Cristina Echave Durán e Reis Camiña Castro, exhíbense exemplos destacados dos procesos fotográficos máis antigos, como daguerrotipos, ambrotipos, talbotipos, panotipos e ferrotipos, e tamén como se popularizou o retrato mediante a “carte de visite”. A exposición recolle o auxe dos pintores-fotógrafos, que combinaban ambas dedicacións, a aparición dos fotógrafos transeúntes, a incorporación da fotografía á vida doméstica e o establecemento dos estudios fotográficos, con exemplos na mostra de Patricio Bocconi, Francisco Prieto, Juan Caramés e, especialmente, Francisco Zagala, entre outros. Tamén das primeiras mulleres fotógrafas, como a viúva de Bocconi e Generosa Carballo. Un dos espazos máis sorprendentes da exposición é a recreación dun estudio fotográfico da época.

Pola súa parte, “San Sebastián, corpo de beleza e dor. Unha paixón privada” reúne 77 gravados que van do Renacemento do século XVI ata as vangardas e a contemporaneidade do século XX, cunha presenza destacada de estampa barroca dos séculos XVII e XVIII. Isto complétase coa presenza da imaxe de San Sebastián na cultura e na sociedade actuais, a través de capas de libros, discos e revistas, deseños de camisetas, perfumes ou elementos publicitarios. Está comisariada por Xosé Manuel Buxán Bran e Natalia Fraguas Fernández.

Obradoiros infantís

A programación de Semana Santa no Museo de Pontevedra complétase cos obradoiros infantís que se celebrarán o martes 31 de marzo e o mércores 1 de abril, coas prazas xa completas. A ilustradora infantil Chus Rojo traballará a ollada artística dos nenos e nenas, que aprenderán a debuxar plantas e motivos florais para elaborar un caderno botánico, co obxectivo de familiarizarse con especies de flora locais, as súas estruturas, cores e formas, podendo identificalas ademais de debuxalas. Para iso, empregaranse os cadros e obxectos do mobiliario do museo así como flores reais, debuxando o que vemos cunha perspectiva creativa propia.

Galerias de imagenes