A Deputación ten aberta ata o domingo 10 de marzo no palacete das Mendoza a exposición “Pasión por la pintura” de Luis Rivas

Na mostra, o artista pontevedrés e exfutbolista profesional fai a súa interpretación do vangardismo histórico e da clásica École de Paris

02/03/2024

Últimos días para visitar no palacete das Mendoza a exposición "Pasión por la pintura", do artista pontevedrés Luis Rivas. Na mostra, o tamén exfutbolista profesional fai a súa interpretación do vangardismo histórico e da clásica École de Paris cunha linguaxe propia. A mostra, que se poderá visitar ata o próximo domingo 10 de marzo na sede de Turismo Rías Baixas, presenta pintura de base xeométrica a través de estruturas paisaxísticas arquitectónicas, construcións utilizadas en grandes espazos e un rico cromatismo para, deste xeito, renovar a mirada de artistas coma Mondrian, De Chirico ou Léger.

Rivas comezou no mundo da pintura no estudio do pintor tamén pontevedrés Manuel Aramburu, actividade que complementou máis adiante nos corredores da Facultade de Belas Artes, concretamente nas clases e nas materias das pinturas vangardistas de finais do século xix e principios do xx, xunto co profesor Antón Castro. Tras pasar por unha primeira etapa figurativa e apuntar cara a abstracción e a cor, actualmente os seus traballos en óleo buscan a beleza, a harmonía en formas e espazos diferentes, sempre marcando unha linguaxe propia.

"Pasión por la pintura", esta selección das obras de Luis Rivas que acollerá ata o 10 de marzo o palacete das Mendoza, pode visitarse de luns a venres, de 9:00 a 20:00 horas; o sábado, de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas; e o domingo, de 10:00 a 14:00 horas.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 5 resultados.