A Deputación e a Real Academia Galega de Ciencias poñen en marcha o V Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos para achegar o coñecemento científico á sociedade

A través deste programa organizaranse 14 conferencias en 2024: oito en formato seminario web, dirixidas á cidadanía en xeral, e cinco presenciais, dirixidas aos centros educativos da provincia

29/02/2024

A Deputación de Pontevedra de Pontevedra acaba de poñer en marcha o V Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos en colaboración coa Real Academia Galega de Ciencias (RAGC). O obxectivo deste programa é achegar o coñecemento científico á sociedade a través dun total de 14 conferencias que se organizarán este 2024: oito en formato seminario web, dirixidas á cidadanía en xeral (das cales unha será tamén presencial), e cinco presenciais nos centros educativos da provincia. As conferencias, que se desenvolverán entre abril e decembro, achegarán á sociedade cuestións relacionadas coa medicina, a sostibilidade, a selección de persoal, a intelixencia artificial, os descubrimentos astronómicos, a xenética ou a paleontoloxía.

O V Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos comezará o 18 de abril coas charlas dirixidas á cidadanía en xeral.  En concreto, a primeira xornada terá lugar ás 19:00 horas con dúas conferencias: “Cribado neonatal: onde estamos e cara onde imos”, a cargo de M.ª Luz Couce Pico, xefa do servizo de Neonatoloxía e directora da Unidade de Diagnóstico e Tratamento de Enfermidades Metabólicas Conxénitas do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, e “VIH: Situación actual, avances e retos actuais”, a cargo de Eva Póveda López, coordinadora do grupo de Viroloxía e Patoxénese.

O 25 de abril, Sebastián Villasante, doutor en Economía Aplicada e profesor da  Universidade de Santiago de Compostela, impartirá a conferencia “Os alimentos mariños son cruciais para a saúde do planeta e benestar da humanidade” e o 16 de maio Fernando Salgado, catedrático de Psicoloxía do Traballo e Recurso Humanos e decano da Facultade de Relacións Laborais da USC, falará sobre “O benestar psicolóxico, o equilibrio emocional e o desempeño no traballo”.

Silvia García Méndez, integrante do grupo de Tecnoloxías da Información, que forma parte de AtlanTTic, da Universidade de Vigo (UVigo) ofrecerá outra das conferencias deste ciclo, “Aplicación da intelixencia artificial para o procesamento da linguaxe natural. Novas tendencias e desafíos actuais”, o 23 de maio.

O 30 de maio Aurora Grandal, profesora titular de Paleontoloxía na Universidade da Coruña (UDC) e directora do Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal, falará “De fósiles a humanos, unha historia de ida e volta” e, finalmente, o 6 de xuño rematarán as conferencias dirixidas á cidadanía en xeral con dous relatorios: “Os biomateriais no combate do cancro”, a cargo de Bárbara Blanco, investigadora Ramón y Cajal no Departamento de Farmacoloxía, Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da Facultade de Farmacia da USC, e “Células CAR-T: novo paradigma no tratamento do cancro”, a cargo de Mariona Baliu, responsable do Centro de Fabricación de Terapias Avanzadas de Galicia de Galaria.

Conferencias nos centros de ensino

O V Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos contempla tamén cinco charlas dirixidas ao alumnado dos centros de ensino da provincia que imparten ESO, bacharelato e ciclos formativos. Neste caso, as conferencias terán lugar entre maio e decembro e serán en formato presencial. Contémplanse charlas coma “Intelixencia artificial nas nosas vidas”, a cargo de María José Carreira, profesora titular da área de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da USC; “Ser ou non ser hacker e o dilema dos sombreiros”, a cargo de Manuel Caeiro, profesor titular de Enxeñaría Telemática da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo; “Medicamentos personalizados”, a cargo de Carmen Álvarez, catedrática de Tecnoloxía Farmacéutica da Facultade de Farmacia da USC e académica da RAGC e da Real Academia de Farmacia de Galicia; “Exoplanetas e a nova ciencia da Astrobioloxía”, a cargo de Minia Manteiga, catedrática de Astrofísica do Departamento de Ciencias da Navegación e Enxeñaría Mariña da UDC; e  “O impacto das sustancias cotiás no noso material xenético”, a cargo de Vanessa Valdiglesias, profesora titular de Xenética na UDC e coordinadora do Grupo de Investigación en Nanotoxicoloxía  e Toxicoloxía Xenética do Centro de Investigación Científicas Avanzadas da mesma universidade.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 5 resultados.