A Deputación pon en valor o impulso á internacionalización e desestacionalización do destino Rías Baixas nos tres anos de goberno de Luis López
Este crecemento sustentouse na estratexia de promoción exterior impulsada pola Deputación nestes tres anos de goberno, que levou a marca Rías Baixas por vez primeira na súa historia a feiras profesionais de referencia mundial como as celebradas en Berlín e Londres e a rexistrar máis visitantes estranxeiros que nacionais
19/07/2026
A Deputación de Pontevedra pon en valor o impulso á internacionalización e desestacionalización do destino Rías Baixas nos tres anos de goberno de Luis López. “Nunca esquecerei o día en que nunha entrega de premios en Cannes o nome da Deputación de Pontevedra se escoitou ao lado de L´Oreal, UEFA ou Porsche e, aínda por riba, falando do interior de Rías Baixas” subliñou o presidente quen remarcou que “o traballo feito está dando uns froitos históricos e por vez primeira este maio recibimos máis visitantes estranxeiros que nacionais”.
Este crecemento, tal e como destacou o deputado de Turismo, Jesús Vázquez Almuíña, sustentouse na estratexia de promoción exterior impulsada pola Deputación nestes tres anos de goberno, que levou a marca Rías Baixas por vez primeira na súa historia a ocupar un espazo propio en feiras profesionais de referencia mundial como as celebradas en Berlín e Londres. Ademais, as campañas promocionais deseñadas pola Deputación para divulgar a provincia están a ser recoñecidas en festivais internacionais de todo o mundo, con galardóns en Xapón, Francia, Sudáfrica ou Estados Unidos, e Cando volves? situouse como a acción promocional de maior éxito de Turismo Rías Baixas, con preto de 70 millóns de impactos para dar a coñecer o potencial turístico do interior da provincia.
O avance na desestacionalización, tal e como subliñou o deputado, vai da man da Rías Baixas Convention Bureau, creada este último ano co obxectivo de impulsar o turismo de congresos, convencións, eventos e reunións; ou de programas de astroturismo como Baixo o Ceo das Rías Baixas, a través do cal se está a traballar para certificar os castelos de Soutomaior e Sobroso co selo Starlight; así como iniciativas como a Rías Baixas Film Commission, que o pasado ano captou máis de 60 rodaxes de películas e series na provincia; e a nova liña subvencións para eventos deportivos de relevancia turística.
Ademais, o deputado Almuíña remarcou que “como é marca deste goberno, estamos a impulsar o turismo tendendo pontes, cun sector turístico recoñecido con 400 distincións de calidade do SICTED e tamén nos I Premios Turismo Rías Baixas que se lanzaron por vez primeira este ano 2026; cos concellos; e a través de iniciativas como a Oficina de Gobernanza Turística que nos está a permitir avanzar cara un modelo de xestión turística máis planificado, innovador e colaborativo”.
