A Deputación, orgullosa co exemplo de transparencia do Plan Reacpon e dos 47 grandes proxectos xa en marcha en concellos de tódalas cores políticas

O Goberno provincial compara a equidade do ReacPon co “modelo caciquil da Xunta”, que “cos datos da propia Xunta na man” asinou 98 convenios a dedo o ano pasado, 77 deles con concellos gobernados polo PP

11/03/2022

Plan Reacpon

A Deputación fixo balanzo, unha vez asinados os 47 convenios de colaboración cos concellos, dos avances cara a materialización dos grandes proxectos do plan extraordinario Reacciona Pontevedra (ReacPon). A presidenta, Carmela Silva, e o vicepresidente, César Mosquera, destacaron a calidade duns proxectos seleccionados en concorrencia competitiva, con total transparencia e equidade, a partir de criterios e puntuacións técnicas obxectivas que chegan a todas as comarcas e a concellos da todas as cores políticas. A resultas desta esixente planificación e “co bo traballo de Deputación e Concellos, hai xa tres proxectos en obras, outros seis adxudicados, dous a piques de adxudicar, nove en licitación, sete a piques de seren licitados e, finalmente, outros 20 que se licitarán entre marzo e abril próximos.

A presidenta Carmela Silva destacou que o ReacPon, que fará posible 25 actuacións de mobilidade segura, tres bibliotecas, cinco reformas de casas dos concellos, cinco actuacións en espazos culturais, 8 en infraestruturas deportivas e a ampliación ecolóxica dun cemiterio, mellorará os servizos públicos para a veciñanza de 20 concellos gobernados polo PSdeG-PSOE, 17 polo Partido Popular, outros 8 polo BNG e 2 municipios con Alcaldías independentes. Recalcou que o investimento medio do Plan ReacPon nos concellos liderados polo PSOE é de 56,7 euros por habitante, nos “populares” de  67,61 euros por habitante, nos do BNG de 54,47 euros por habitante e, finalmente, nos independentes, de 98,89 euros por habitante.

A Xunta non resiste a comparativa

Carmela Silva subliñou que, diante deste exemplo de transparencia cun plan extraordinario para obras transformadoras, dotado con 26,33 millóns de euros, que se traduce en 47 convenios con concellos de tódalas cores políticas, cómpre facer unha comparación cos convenios asinados a dedo pola Xunta de Galicia ao longo do ano 2021 e que aparecen publicados, a día de hoxe, no Portal de Transparencia do propio Goberno galego. Cunha matización, explicou a presidenta, “que a Xunta vai publicando os seus convenios por cuadrimestres e varias consellerías non están ao día porque de transparencia, pouca”. “Así que a situación real é aínda máis grave do que reflicten estes datos”, anticipou.

Carmela Silva explicou que a Xunta ten publicado 98 convenios do ano 2021 con concellos da provincia por un importe próximo aos 29 millóns de euros, dos que 77 foron para os concellos dirixidos polo PP, 15 polo PSdeG-PSOE, 4  polo BNG e 2 para independentes. O gasto medio por habitante  dos convenios da Xunta nos concellos “populares” alcanzou os 110 euros; nos socialistas, 14 euros; nos nacionalistas, 1,8 euros e, finalmente, nos independentes tan só 1,4 euros por habitante. Os concellos con Alcaldía do PP absorberon o 72,75%, do total, os do PSdeG-PSOE un 26,2%, os nacionalistas un 1,16% e os independentes un 0,22%. “Por que os veciños e veciñas desta provincia son distintos para a Xunta en función de quen os goberne?”, preguntouse a presidenta da Deputación, quen denunciou, ademais, que segundo os datos publicados hai 22 concellos que non conseguiron asinar ningún “convenio para cousas serias”.

“Os datos son a proba do algodón”

“Os datos son terribles. Son a proba do algodón e, polo tanto, non enganan”, clamou Carmela Silva. “É un escándalo total que o modelo da Xunta consista en sobrefinanciar aos concellos do PP”. Un modelo caciquil que, destacou, non fará cambiar o rumbo dunha Deputación que decidiu atender a tódolos concellos por igual, “aínda que tamén entendemos que é obrigado denunciar publicamente este xeito de gobernar da Xunta, esta situación intolerable. Non cuestionamos os investimentos, senón que non se fagan con equidade en toda a provincia. Os convenios e as subvencións opacas levan o nome e apelidos dos concellos do PP”, concluíu.

Nun repaso polos 12 departamentos da Xunta que repartiron fondos directamente durante o ano pasado, Carmela Silva, parouse especialmente coa Vicepresidencia Primeira da Xunta, “caixón de xastre do caciquismo”, a Consellería de Infraestruturas (que rubricou tres convenios de seguridade viaria en tres concellos do PP), Augas de Galicia (que financia obras de saneamento e abastecementos cos concellos conservadores) e a Consellería de Medio Ambiente (cun “convenio estrela” para o Auditorio de Marín).

Ademais dos convenios, a presidenta da Deputación  analizou as últimas licitacións publicadas nos perfís do contratante das consellerías e así concretou que das nove últimas licitacións de reformas integrais en colexios individuais, sete foron para concellos do PP “sen esquecer que o último colexio construído nesta provincia está en Sanxenxo e o último IES construído, en Soutomaior”. Ademais, non pasou por alto que das nove sendas peonís licitadas por Infraestruturas recentemente, seis están en concellos do PP. Ou que as últimas urbanizacións de rúas que executa a Consellería de Medio Ambiente se cinguen aos concellos da Estrada, Arbo, Marín e Redondela (esta en 2019, tamén co PP na Alcaldía). Ademais disto, animou a repasar as partidas substantivas incluídas nos Orzamentos 2022 para saneamento, abastecemento, edificios xudiciais, centros de saúde ou polígonos industriais. Por último repasou as últimas “subvencións de medianoite” da Consellería de Medio Ambiente (con prazo de presentación ás 00.00 horas e ata esgotar crédito) que foron para 9 concellos da provincia, 8 deles do PP, ou as últimas achegas da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) a través do Plan de Infraestruturas Rurais, con 14 de 17 para concellos do PP.

Mosquera reclama a quen substitúa a Feijóo, “que cambie as formas”

O vicepresidente fixo unha “chamada a quen lle corresponda agora gobernar na Xunta” como substituto do actual presidente Núñez Feijóo a que cambie “certas formas de facer as cousas” por considerar que quedaron “anquilosadas e son profundamente inxustas”. “A ver se era unha lideira de Feijóo e agora que marcha podemos utilizar a Administración para beneficiar á cidadanía que non ten culpa dos castigos se non votan ao PP”. Destacou que dende a súa entrada na Deputación unha das súas preocupacións era como se facía o reparto de cartos provinciais aos municipios, que segundo asegurou, se foi corrixindo ata chegar hoxe a unha equidade absoluta. Subliñou que Louzán era “un santo absoluto” en comparación co que está a facer a Xunta de Galicia a día de hoxe, da que dixo “vai radicalmente a peor, cara atrás, e cara o caciqueo” e “ás políticas decimonónicas e de hai 40 anos” dunha maneira “escandalosa”.

Mosquera lembrou algúns exemplos concretos das diferencias de trato entre os concellos. Destacou que na estrada vella a Marín na parte de Pontevedra non se permiten medidas de calmado de tráfico mentres que á chegada a Marín xa hai un lombo; lembrou que en Sanxenxo estase a humanizar a PO-308 pero non así en Poio a pesares de que é igual ou máis necesario; destacou que en Alba na PO-225 non se fai unha alternativa porque é moi caro e só se afronta se o Concello “rasca o bolsillo”; e fixo fincapé en que a mellora do colector do Gafos foi desadxudicado en Pontevedra mentres que en Marín se invisten cartos para saneamento. “Énchesenos a boca con palabras grandilocuentes como democracia, liberdade... pero na práctica estamos con estas miserias que son denigrantes para quen as practica e denigrantes e mal exemplo para a sociedade. Despois falamos de capacidade, mérito e esforzo, mentres que a mensaxe que se está a transmitir é que para triunfar hai que buscar a vía falsa”, subliñou.

audios

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 11 resultados.