A Escola de Letras da Deputación e Galaxia abre mañá martes a inscrición para o obradoiro de poesía que impartirá Antonio García Teijeiro

As persoas interesadas neste novo taller da Escola, que se desenvolverá os días 3 e 4 de maio en Vigo, deberán enviar un correo a escoladeletras@editorialgalaxia.gal

21/03/2022

A Deputación de Pontevedra e a Editorial Galaxia abren este martes 22 de marzo o prazo de inscrición para o terceiro dos obradoiros da nova edición da Escola de Letras, que impartirá o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil Antonio García Teijeiro os días 3 e 4 de maio na sede da institución provincial en Vigo. As persoas interesadas en asistir ao obradoiro, que ofrece 15 prazas, poderán anotarse enviando un correo electrónico ao enderezo escoladeletras@editorialgalaxia.gal a partir das 8 horas.

Antonio García Teijeiro (Vigo, 1952) impartirá un Obradoiro de Poesía en dúas sesións que terán lugar os días 3 e 4 de maio de 18 a 20 horas na sede viguesa da Deputación. O profesor, escritor e crítico de literatura infantil atesoura unha dilatada traxectoria, recoñecida con múltiples galardóns amais do Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, como é o caso do Premio Merlín por Na fogueira dos versos ou o Premio Pier Paolo Vergerio da Universidade de Padua, un dos máis prestixiosos de Europa. Co poemario Arredor do teu corpo gañou o Premio Illas Sisargas. Algúns dos seus poemas foron musicados por grupos de Galicia e por músicos como Antón Seoane e Paco Ibáñez e mantén unha intensa actividade na rede dende o blog Versos e aloumiños.

A terceira edición da Escola de Letras, que dirixe Francisco Castro, ofrece neste 2022 seis cursos, impartidos por recoñecidos autores e autoras da escrita galega. Os dous primeiros está a ofrecelos a autora Inma López Silva en Pontevedra e Vigo, e prolongaranse ata o mes de abril. Despois do de García Teijeiro, a Escola retomará a súa actividade a partir de setembro, cos obradoiros de Diego Giráldez en Vigo (13, 20 e 27 de setembro e 4 e 11 de outubro) e Anna R. Figueiredo en Pontevedra (19 e 26 de setembro; 3. 10, 17 e 24 de outubro e 7 e 14 de novembro). Elvira Ribeiro impartirá os días 18 e 25 de outubro outro taller en Pontevedra. Ao igual que nos anos anteriores, a Escola tamén celebrará master class para público xeral nas que autoras e autores de prestixio compartirán as súas experiencias arredor da publicación dos seus títulos e a experiencia de escribir.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.